8M | Minuto de silencio na Lama para conmemorar o Día da Muller
Por Redacción
Un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero foi o acto elixido na Lama para conmemorar este 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Gardouse no salón de plenos do Concello, no que tamén se leu o manifesto elaborado FEMP.
Alí, o alcalde e o tenente de alcalde, Jorge Canda e David Carrera, que estiveron acompañados por persoal municipal, expresaron o "compromiso activo" de todo o municipio coas políticas de igualdade e contra os comportamentos machistas.
As traballadoras do CIM, Adriana Fontaíña e Galiza Aguete, repartiron entre os asistentes ao acto varios pins conmemorativos e despregaron carteis de rexeitamento á violencia de xénero.
A este acto sumaranse dous obradoiros dirixidos a nenos e nenas de primeiro a sexto de educación primaria do CEIP da Lama, que estarán orientados cara a igualdade e a erradicación dos estereotipos de xénero.
Neles traballaranse fundamentalmente os estereotipos de xénero, tratando de sensibilizar á poboación escolar sobre esta lacra social e previr calquera forma de violencia contras as mulleres.
Ademais, en colaboración coa Federación de Mulleres en Igualdade da provincia de Pontevedra, celebrarase o 17 de marzo un curso de manipulador de alimentos para mulleres, que se desenvolverá de 17 a 20 horas nas instalacións da antiga Escola Obradoiro da Lama.