8M | Marín celebra un acto de gratitude a "mulleres fortes, autónomas, emprendedoras, valentes e referentes"
Por Redacción
O Concello de Marín acollía este mércores 8 de marzo o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, presidido pola alcaldesa María Ramallo.
Ao salón de plenos acudían representantes do Consello Municipal da Muller, órgano que decidiu homenaxear neste 2023 a diferentes veciñas da vila que realizaron proxectos empresariais innovadores.
Ramallo lembrou que o 8M é unha data reivindicativa no camiño iniciado por mulleres valentes que loitaron por dereitos como acceder á educación, conseguir o voto, traballar por un salario digno ou conciliar a vida familiar e laboral. "Dereitos básicos que non deberían ser cuestionados no século XXI", afirmou a alcaldesa no seu discurso expresando que a igualdade entre mulleres e homes "é unha necesidade nunha sociedade con valores democráticos".
Destacou a traxectoria das mulleres homenaxeadas este ano: "mulleres fortes, autónomas, emprendedoras, valentes e referentes" como Amalia Pidre Dopazo e Benedicta Dopazo Pérez (Pampillón); María José Santiago Boullón (Bicos); María Elena e Beatriz Cobo Area (Proxectos); María Peregrina Pereira Nistal (Adm. de Lotería No1 de Marín - Tica); e Almudena García Iglesias e Cecilia Puga Tejero (O taller de More).
María Ramallo convidou a todos os asistentes a continuar sumando esforzos para conseguir unha sociedade libre de discriminación de xénero e, ao final do acto, entregáronse diferentes materiais de sensibilización en igualdade.
Relacionadas:
-
Marín chora o falecemento de Lourdes Broullón Ferradás, integrante do Consello Municipal da Muller
Por Alba Feijoo Alonso |
-
8M | Ribadumia homenaxeará este domingo a seis mulleres da vila
Por Redacción |
-
8M | Mariscadoras a pé: elas son máis, pero tamén deciden máis?
Por Redacción |
-
O CIM de Marín anima a participar no 8M a todas as mulleres emprendedoras da vila