Isidoro Serantes, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas
Por Redacción
Este xoves constituíuse o novo pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario.
Así, este novo pleno quedou conformado por 22 vogalías, das cales 5 corresponden á Asociación Agraria de Galicia; 1 pertence a Unións Agrarias; 2 son do Sindicato Labrego Galego; 2 da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas; 1 da Asociación de Adegas Salnés; 7 corresponden á Asociación de Empresarios Bodegueros e Viticultores Rías Baixas e, por último, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.
Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Isidoro Serantes Serantes, novo no cargo; mentres que a vicepresidencia será asumida por Juan Carlos Vázquez Abal, de Carballal Vázquez Abal SL, tamén novo no cargo.
Isidoro Serantes é viticultor, enólogo e xerente de Bodegas Bouza do Rei
Pertence a unha familia con tradición viticultora, que xa conta con substitución xeracional nos seus fillos. É socio fundador de Bodegas Bouza do Rei na que, ademais, leva 38 anos exercendo como xerente. A súa vinculación ao mundo do viño en Rías Baixas é anterior á creación da Denominación de Orixe, pois esta adega data de 1984. Isidoro Serantes estivo entre os precursores da Denominación de Orixe Rías Baixas, de feito Bouza do Rei foi unha das catorce adegas fundadoras. Formou parte do pleno do Consello Regulador con Marisol Bueno como presidenta, desde o ano 1986 ata o 2007, participando durante ese tempo en diferentes comisións (de viticultura, permanente, promoción…).
A súa traxectoria dentro do sector vitivinícola de Rías Baixas queda patente en 2015, ano no que foi nomeado "Cabaleiro do Albariño" pola súa entrega profesional.