Marín xa ten o seu propio Plan Municipal de Emerxencias
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Marín, celebrado este xoves no Concello, aprobou de xeito inicial o Plan de Emerxencias Municipal. Trátase dun documento de carácter técnico, que foi explicado na sesión plenaria polo concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez, que recolle un conxunto de normas, medios dispoñibles, persoas e procedementos de actuación que deben ser a guía de resposta do Concello ás situacións de emerxencia que se poidan producir.
Tal e como explicou o edil, o plan pretende identificar e valorar os riscos que poidan existir no Concello, xerar un documento marco de actuación específico para cando se rexistren emerxencias, identificar cales son os medios humanos e materiais cos que se conta, elaborar protocolos específicos de actuación e definir os métodos de aviso e comunicación en momentos críticos.
Para a elaboración deste plan, no que tamén estivo implicada a Policía Local como máximo corpo de seguridade a nivel municipal, seguíronse as indicacións recollidas pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que marca uns parámetros para a súa redacción.
Agora, o documento pasará a exposición pública para tramitar finalmente cando remate este período a súa aprobación definitiva.