Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade
A 39ª edición da 'Semana Galega de Filosofía' contará con 15 conferencias que xirarán arredor do tema 'Filosofía e Arte'. Desenvolverase entre o 10 e o 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Este venres tivo lugar a presentación da súa programación que contou coa participación de Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao de Filosofía, organizadora do evento; e Eva Mouriño e Paula Fernández, representantes da asociación.
Cendón explicou que "nos interesa obviar a arte como un medio de expresión do pensamento". Ademais, asegurou que a elección do tema 'Filosofía e Arte' débese ao "interese que nos brinda a arte como dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento, unha actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos".
O cartel deste evento consiste nunha ilustración realizada por Daniel Rodríguez Castelao que reflicte a imaxe duns músicos que, segundo o presidente da Aula Castelao de Filosofía, "representa a liberdade no feito artístico" e "a arte como refuxio expresivo do que non se pode dicir mediante a palabra".
En canto á programación de actividades, nas sesións de mañá (de 10:30 a 13:30 horas), as conferencias tratarán principalmente sobre filosofía; nas sesións de tarde (de 17:00 a 19:00 horas), o caso da arte en Galicia terá máis importancia; e, polas noites, os actos previstos abordarán temas orientados a un público máis xeral.
Francisco Jarauta, catedrático de filosofía da Universidade de Murcia que realizou estudos de historia da arte e filosofía en universidades de Roma, París ou Valencia, será o encargado de abrir a 'Semana Galega de Filosofía'.
Tamén participarán mulleres como a poeta Chus Pato ou a actriz e doutora en artes escénicas Sabela Hermida que, segundo Mouriño, a partir do existencialismo francés, "nos axudará a coñecer a vida de María Casares e ou seu compromiso ético e artístico".
Ademais, Fermín Muguruza, músico, cineasta e director da obra Black is Beltza II: Ainhoa, nomeada a Mellor Película de Animación nos Premios Goya 2023, compartirá a súa experencia no mundo artístico. Encargarase de pechar a Semana, Santiago Auserón, músico, ex cantante de Radio Futura e doutor en Filosofía.
Relacionadas:
-
A obra e pensamento de Hannah Arendt estarán presentes na Semana de Filosofía
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía
-
A Aula Castelao pecha a Semana de Filosofía cunha chamada a "unha política que coide da vida e non do capital"
Por Oskar Viéitez |
-
Carlos Taibo, na Semana Galega de Filosofía: "A dependencia entre a Unión Europea e Rusia é mutua"
Por Redacción & Mónica Patxot |