8M | Ribadumia homenaxeará este domingo a seis mulleres da vila
Por Redacción
O Concello de Ribadumia conmemorará o Día Internacional da Muller a través da celebración dunha gala en homenaxe ás mulleres da vila. O evento terá lugar este domingo 12 de marzo no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas con entrada de balde.
O tema elexido este ano serán as profesións das mullleres do municipio baixo o nome 'Mulleres abrindo camiño', facendo referencia a todas esas mulleres que se quixeron dedicar a profesións que, tradicionalmente, estaban desenvolvidas por homes.
As mulleres homenaxeadas serán María Noelía Martínez Pesqueira, que é Policía Local; Silvia Martínez Mougán, taxista; María Carmen Prado Abal, que traballou nunha empresa de formigón, no sector da carpintería, nun camión e montando escenarios de orquestras; Luz Divina Cacabelos Castro, condutora de autobús; Lucía Cacabelos Moraña, condutora de autobús; e Dolores Abuín Martínez, profesora e primeira alcaldesa de Ribadumia da democracia.
Posteriormente, actuará o grupo Matrioshka Teatro, que interpretará a obra 'Comando comadres', un espectáculo en clave de humor onde tres activistas organizadas por comandos atacan as múltiples manifestacións da violencia sexista, cuestionando tamén a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a tódalas heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do noso pasado. A creación recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022.
Desde Concello de Ribadumia animan a todo o público que queira asistir a esta gala homenaxe na que "conmemoraremos este día tan especial e faremos unha reflexión e unha reivindicación da importancia que ten este día na nosa sociedade e na vida cotiá".
Relacionadas:
-
8M | Poesía e compromiso en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
8M | Sanxenxo homenaxea a nove veciñas inspiradoras para rachar cos estereotipos
Por Oskar Viéitez |
-
8M | A comunidade educativa do Sagrado Corazón lembra tres históricas e queridas profesoras
Por Redacción |
-
8M | Pontevedra volve saír á rúa: “Somos feministas os 365 días do ano”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
8M | Marín celebra un acto de gratitude a "mulleres fortes, autónomas, emprendedoras, valentes e referentes"
Por Redacción |