Poio homenaxea cinco veciñas "referentes e heroínas" con motivo do 8M
Por Redacción
O Concello de Poio celebrou este venres un acto-homenaxe a cinco mulleres do municipio que, polo seu tesón, forza e traxectorias a nivel social, familiar e laboral durante moitas décadas son "heroínas durante os 365 do ano".
O lugar escollido para este acontecemento foi o Palacete de Besada, onde congregáronse un gran número de persoas entre as que figuraban personalidades políticas, familiares, amizades e veciñanza en xeral que non quixeron perderse esta homenaxe a Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador).
A tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), foi a encargada de dar comezo do que foi o acto central da programación organizada pola Concellería e o CIM para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un programa que, baixo o lema 'visibles, empondeiradas, iguais', puido recuperar neste 2023 o tradicional acto de recoñecemento a estas veciñas elixidas polos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller.
Tal e como destacan desde o Concello, "foi unha cita moi emotiva" na que participaron o alcalde, Luciano Sobral, e os membros da Corporación municipal. As autoridades políticas foron as encargadas de facer entrega a cada unha das homenaxeadas dun obsequio conmemorativo.
Ademais, os integrantes de Polo Correo do Vento protagonizaron unha actuación que incluía un repaso á traxectoria vital de cada unha das homenaxeadas. Foron eles precisamente os encargados de realizar o libro 'Mulleres en Poio 2023' e que ilustrou Tania Solla. Esta publicación está subvencionada pola Deputación de Pontevedra cunha axuda de 6.000 euros.
Será tamén a través de Polo Correo do Vento a maneira de facer chegar estas historias aos CEIPS do municipio de Poio. Así, a través de sesións de contacontos, a vida destas cinco mulleres de idades comprendidas entre os 75 e os 84 anos será contada, difundida e visibilizada.
Julia Vallejo durante moitos anos compaxinou os seus estudos na escola coas tarefas no fogar. Tamén traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro. Pola súa banda, Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro. Rosa Rey, de San Salvador, exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas. É coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colaboradora habitual da Asociación Veciñal do Vao.
Dolores, ao igual que Julia, tamén conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras. Chegou a ter oito ferrados, catro de viña e catro de horta, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila. Por último, Peregrina García Castro, 'Chicha', segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario, ao tempo que traballa na súa horta. Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.
A concelleira de Igualdade sinalou durante a súa intervención que as protagonistas personifican "o noso recoñecemento a todas as mulleres de Poio, polo papel imprescindible que desenvolven na nosa sociedade. As mulleres somos a metade do mundo, pero durante moito tempo os noso logros quedaron nun segundo plano. Iso está cambiando, grazas a mulleres bravas como estas veciñas, que saíron adiante e abriron camiño pese a todos os obstáculos e límites".
Gregorio Agís, como representante da Deputación de Pontevedra, entende que a publicación do libro 'Mulleres en Poio 2023' "servirá como referente para que as súas historias de superación e de vida sexan coñecidas polas futuras xeracións".
O acto o pechou o alcalde, Luciano Sobral, quen dedicou unhas palabras a "Julia, Chicha, Rosa, Dolores e Laura, que representan a todas as nais que nos traen ao mundo e que sempre nos coidan e que nos seguirán coidando. Elas son parte da nosa historia e axudaron a crear un municipio como o que é Poio na actualidade, no que cada vez máis xente quere vivir e no que nos atopamos moi a gusto".
Relacionadas:
-
O ciclo de contacontos "Vivencias de Muller" inicia en Viñas a súa xira polos colexios de Poio
Por Redacción |
-
8M | Pontevedra volve saír á rúa: “Somos feministas os 365 días do ano”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Nova convocatoria de axudas para promover actividades en favor da igualdade en Poio
Por Redacción |
-
Cinco mulleres "exemplos de vida" para conmemorar o 8M en Poio
Por Redacción |