Cambio no BNG da Illa: Manuel Suárez encabezará a candidatura para as municipais
Por Redacción
A asemblea local do BNG na Illa de Arousa decidiu aprobar un cambio na súa candidatura para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Manuel Suárez será o candidato.
Este novo cabeza de cartel presentouse este sábado na sede comarcal do BNG, arroupado pola parlamentaria e integrante da Executiva Nacional do BNG Montse Prado; o responsable comarcal, Manuel Domínguez; e integrantes da candidatura.
Durante a presentación, Montse Prado e Manuel Suárez resaltaron as potencialidades do municipio en diversos eidos (ambiental, patrimonial, pesqueiro e marisqueiro, cultural…) para converterse nun concello de referencia, "como xa o son aqueles onde o BNG aplicou un modelo transformador".
Este cambio é resultado dun proceso de análise e reflexión sobre a situación política nesta localidade que comezou como proposta do actual portavoz municipal, David Mochales. A súa situación persoal, por mudanzas recentes de domicilio e do ámbito profesional que o afastan da Illa no curto e medio prazo, fíxoo tomar a decisión de deixar a primeira liña da política local.
Manuel Suárez é natural da Arousa e está ligado dende hai máis de 25 anos tanto ao BNG como á causa da independencia da Illa. Estivo afincado en Canarias durante 17 anos por motivos profesionais polo seu posto como funcionario, pero nese tempo mantivo o seu compromiso e colaboración coa organización, tanto no grupo do BNG na Emigración como no grupo local a pesar da distancia.
Retornou hai dous anos e implicouse activamente coa organización, aceptando o posto de responsable local. Agora, tras a proposta da asemblea local, asume este reto con afán integrador, compoñendo un equipo de traballo con persoas de diversos ámbitos.
A súa proposta política para esta nova etapa parte da "incapacidade do modelo actual para prover a toda a veciñanza de emprego, recursos e servizos dignos durante todo o ano". Sostén que na procura desas solucións, o goberno municipal "debe ser un axente activo, non un simple espectador como na actualidade".