Había ganas de caldo en Mourente
Por Cristina Saiz & Redacción
Despois de dous anos de parón pola pandemia da covid-19, Pontevedra tiña ganas de caldo e de gozar deste prato tradicional da gastronomía galega en compañía e no seu lugar de peregrinaxe na cidade, Mourente. Este domingo quedou constancia deste sentimento no día grande da Festa do Caldo.
A festa regresou á súa localización habitual para a súa 31 edición baixo a batuta da asociación de veciños O Castro e xa resultou un éxito na súa primeira xornada, este sábado, no que o acto central do evento foi a imposición das capas aos cinco novos cabaleiros da Orde do Caldo: Javier Porras Gómez, José Luís Sarandeses Martínez, José López Peña, José Luís Villanueva Vicente e Borja Vidal González.
Este domingo repetiuse éxito, esta vez de forma multitudinaria, pois os amantes do caldo encheron o local social da asociación de veciños de Mourente, onde non faltou tampouco o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Baixo o lema de "o que queira caldo quente, que se pase por Mourente", e despois do pregón de Antonio Barros, o campión de Cantareiros, viviuse un intenso mediodía de festa e gastronomía.
O evento contou coa animación de A cabeza non para, Grupo Foula, Voces Amigas de Mourente e Agrupación Os Alegres e fixo entrar en calor a todos os asistentes con prezos populares (2,50 euros a cunca e 6 euros a cazola).