Activan a alerta laranxa por temporal costeiro este luns
Por Redacción
A costa de Pontevedra, ao igual que a de toda Galicia, atoparase este luns 13 de marzo en alerta laranxa por temporal.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comeza este luns a partir das 9.00 horas e estenderase a toda a costa. Agárdanse ventos do oeste ao noroeste de forza 8 e ondas de ata 7 metros.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta activou unha alerta laranxa e alerta de que a borrasca vai deixar tamén refachos de vento en nivel de alerta amarelo na franxa costeira e no interior das provincias da Coruña e Lugo, así como na montaña da de Pontevedra.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.