Rescatan unha muller da auga no paseo marítimo de Cambados
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Cambados rescataron durante a tarde deste domingo unha muller que estaba na auga á altura do paseo marítimo da localidade.
Faltaban minutos para as 17.00 horas cando o 112 Galicia tivo constancia de que había unha persoa na auga na zona do paseo marítimo de Cambados.
Axiña, os xestores do 112 informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros de Protección Civil de Cambados.
Os servizos de emerxencias desprazáronse en cuestión de minutos ata o paseo marítimo, onde os axentes da Policía Local conseguiron rescatar á persoa da auga. Coa axuda de Protección Civil, trasladaron a implicada en padiola ata a ambulancia.
A continuación, foi atendida polo persoal sanitario, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.