O supermercado Gadis de Benito Corbal fai balance do seu primeiro ano: "Superamos os obxectivos"
"Este ano foi moi bo, empezamos con moi boas vendas e seguimos conservándoas, mesmo superamos os obxectivos", indica Mónica Dasilva, unha das responsables do supermercado Gadis do número 49 de Benito Corbal, en Pontevedra. O pasado 10 de marzo cumpríase o primeiro ano desde a súa multitudinaria inauguración, tras pechar o anterior supermercado, moito máis pequeno, no número 36 da mesma rúa.
O equipo de responsables de centro complétase con Dina García e José Luis Rodríguez, encargados de coordinar as diferentes quendas de traballo e a organización do que se converteu no supermercado máis grande da cidade, con máis de 2.200 m2 de superficie total repartida en dúas plantas.
Visitamos as instalacións o luns a media mañá, un dos días nos que rexistra máis afluencia de compradores, como nos confirma Mónica Dasilva: "Luns, venres e sábados son os días nos que notamos os picos de venda".
Un caso particular é o da sección de Panadería, onde o movemento de clientes é constante. Na quenda da mañá atende Arancha Pérez, quen nos confirma que a 'barra de forno' é a máis demandada. "Ten un moi bo prezo, son 50 céntimos unha barra ou 91 céntimos dúas barras, tamén a 'baguette' véndese moito e sae a 38 céntimos", explica. As fornadas sucédense, e deste xeito o cliente compra pan recentemente feito, quente e crocante. Ademais do pan, entre a clientela triunfan as empanadas, enteiras ou por porcións, as empanadillas e diversos produtos de bolería e pastelería. "A variedade é o que máis resaltan os clientes", afirma a dependenta de Panadería.
Arancha Pérez atópase entre o grupo de novos traballadores que se incorporaron ao persoal do supermercado Gadis grazas a que estas novas instalacións multiplican o espazo que ocupaba o centro anterior. No seu caso, integrábase no cadro de persoal apenas tres meses despois da súa inauguración. A responsable do centro confirma que "mantivemos persoal do outro supermercado e tamén ampliamos persoal".
Pola súa banda, Carmen Ferradás é o exemplo daquelas traballadoras cunha longa traxectoria no antigo supermercado de Benito Corbal e que se integraron no novo centro. Tras 23 anos en Froitería, afirma que o cambio foi "impresionante". Destaca a comodidade para desenvolver o seu traballo e tamén para o cliente, "dínnolo moito". En Froitería "traballamos cinco compañeiras, cos nosos cambio de quenda, niso Gadis cóidanos moito".
Un dos aspectos que valora o cliente son as numerosas referencias de produto de proximidade, "tanto local como produto galego". De entre todos, preguntámoslle a Ferradás que é o que máis se vende e destaca a pataca galega e as verduras tan propias de Galicia como grelos, repolos e 'xenos', que explica que son os brotes tenros do repolo, tamén coñecidos en zonas do norte como 'bertóns'. Outros produtos de aquí que o cliente valora son os kiwis, mazás, leitugas, cebolas ou tomates, entre outros. "Mesmo se non temos un produto, como nos pasou cunha clienta que nos pedía endivias, encargámolo e en breve servímosllo".
En Peixería recíbenos outra veterana na atención ao cliente: Peregrina Jamardo. Suma 33 anos de experiencia en Gadis, no seu caso no supermercado da avenida Augusto García Sánchez. Nestas novas instalacións confirma que é máis cómodo traballar porque pode "expoñer mellor o produto e hai sitio para máis referencias". Aínda que confirma que o venres e o sábado son os días de maior actividade, tamén nota que moitos clientes se achegan a diario a comprar peixe e así se aproveitan de ofertas, como as coñecidas Oportunigadis. "Todos os días vén produto fresco desde a lonxa de Vigo-Berbés", afirma.
Finalizamos a nosa visita e as responsables de tenda insístennos en que, ademais da comodidade das instalacións e os espazos máis amplos, queren destacar a facilidade de acceso para aqueles clientes con mobilidade reducida, que entran nas instalacións directamente desde a rúa, sen ter que superar ramplas empinadas nin dar rodeos. Unha vez dentro, atópanse con corredores amplos entre os andeis para moverse con comodidade e ascensores de ancho especial para acceder á planta superior.
Relacionadas:
-
Gadis inicia unha recadación de fondos da man de Unicef para axudar a Ucraína
Por Redacción |
-
O supermercado Gadis máis grande de Pontevedra abre as súas portas
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Gadis pide un cambio de usos da antiga gasolineira de Costa Giráldez para abrir un supermercado
Por Natalia Puga |