Unha empresa do porto de Marín ofrece formación a persoas en risco de exclusión social
Por Redacción
Representantes da empresa Urkira, ubicada no porto de Marín e dedicada a diversos sectores relacionados co metal e o mantemento, participaron nunha xuntanza coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e representantes de todas as ONGs da vila.
Tal e como trasladou a firma, que conta cunha aula de formación propia, queren utilizala para poder axudar á inserción laboral de persoas que se atopan en risco de exclusión social, para cubrir especialmente profesións relacionadas coa soldadura e a revisión e coidado de caldeiras.
Para iso, contarán coa colaboración das ONGs, que poderán derivar perfís que poidan estar interesados nesta oferta. O obxectivo, tal e como se trasladou na reunión, non é unicamente a formación, senón de verdade conseguir ofrecer un posto de traballo e así mellorar as condicións económicas de persoas que neste momento son demandantes de emprego e que se atopan nunha situación máis crítica.
A alcaldesa quixo agradecer a Urkira "ese compromiso social que mostran e que aplican aquí, no seu municipio".
CAMPAÑA DO NADAL
Por outra banda, na reunión as ONGs da vila fixeron balance positivo da campaña de Nadal para poder frear a desigualdade social entre familias do municipio.
Especialmente, destacaron os cheques de compra directa en supermercados que se deron ás persoas en risco e as chocolatadas solidarias coas que se recaudaron fondos para as entidades.
Ademais, nesta reunión aproveitouse para falar do funcionamento das axudas da asistencia social e de que xeito facer cada vez máis operativo este sistema. A trazabilidade dos casos que acoden a estas entidades é fundamental e por iso crearase unha folla de derivación para que Servizos Sociais poida establecer as pautas das necesidades de cada familia. Tamén se insistiu en plantexar a axuda asistencial tendo como obxectivo final a reinserción laboral das persoas que, nun momento dado, precisan deste colchón solidario.