A adega Martín Codax será a sede do IX Campionato de Sumillería Suso Domínguez
O evento reunirá a un total de 16 escolas de diferentes puntos de España e Portugal e desenvolverase os días 16 e 17 de marzo, celebrándose por primeira vez desde o seu inicio fóra do CIFP Carlos Oroza. Esta actividade ten como obxectivo fomentar e recoñecer o talento dos estudantes de ciclos de servizos en restauración e futuros profesionais neste sector.
Durante as xornadas de competición, os participantes poderán demostrar as súas habilidades na arte da análise sensorial, a cata ou o servizo do viño. O xurado encargado de avaliar as súas competencias o primeiro día da actividade estará formado por Sara Lorenzo, Víctor Vidal, Gabriel Vázquez, Juan Manuel Pousada e Aránzazu Álvarez, todos eles profesionais especializados no tema.
O venres realizarase a proba de osixenado no servizo do viño, que contará cun xurado diferente formado por Xoan Cannas, Esther Daporta, Mario Ayllón, Pablo Buján, Julio Blanco e Víctor Vidal, que repite en ambos os días.
O evento comezará o xoves ás 10.00 horas cunha visita guiada polas instalacións xunto a unhas horas de formación. As primeiras probas do campionato serán ás 16:30 horas e a xornada terminará cunha cea ás 21:00 horas.
O segundo día de campionato comezará ás 10:00 horas coa preparación da proba final, que se celebrará entre as 10:30 e as 12:30 horas. Ás 13:00 horas terá lugar a entrega de premios e a actividade pecharase ás 14:00 horas cun xantar.
Desde o CIFP Carlos Oroza destacan a importancia deste concurso para impulsar a formación e o desenvolvemento dos xóvenes talentos da sumillería, ademáis de recoñecer que esta actividade é unha cita imprescindible para o alumnado de servizos interesado no mundo do viño.
Doutra banda, desde o centro queren destacar que esta edición supón unha gran oportunidade para coñecer de preto a adega Martín Codax, que conta cunha longa tradición vinícola.
As escolas de hostalería participantes nesta ocasión son: CIFP Paseo das Pontes, CIFP Fragas do Eume, CIFP Compostela, CIFP Manuel Antonio, IES Vilamarían, IES de Foz, Escuela de hosteleria de la Armada Esengra de Ferrol, CIFP Hostelería y Turismo de Gijón, Escuela de Hostelería de Leioa, CIFP Burlada de Navarra, CIFP Ciudad de León, CIFP Felipe VI de Segovia y las escuelas portuguesas de hostelaría y turismo de Porto, Douro Lamego e Viana do Castelo