Poio pechou 2022 cun orzamento de 17 millóns e un aforro de máis de 800.000 euros
Por Redacción
Ata os 17 millóns de euros chegou o orzamento de Poio en 2022. É unha cifra que supón un 20% máis dos 13,4 millóns que foron aprobados inicialmente. Así se recolle na liquidación das contas do ano pasado, segundo o informe da Intervención municipal.
O concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, destaca que estas cifras constatan a "boa saúde económica" da que goza o Concello de Poio, que no último ano logrou un aforro neto que rozou os 835.000 euros.
Ademais, o informe destaca que a porcentaxe da execución do orzamento chegou ao 97%.
A liquidación do orzamento, que será abordada este mércores na Comisión de Facenda e da que se dará conta no pleno ordinario do mes de marzo, demostra, como recalca Barreiro, que "se consolida a liña de optimización de recursos pola que aposta este goberno desde hai anos".
"Sempre partimos dunhas previsións realistas e cautas en materia de ingresos e investimentos que, unha vez rematado o exercicio, amosan que seguimos a consolidar unha saúde e estabilidade económica fóra de toda dúbida", apunta o responsable de Economía e Facenda.
A este respecto, o edil incide no acerto de manter a política de conxelación de impostos, que leva vixente desde o ano 2013, e lembra que o municipio segue en " constante crecemento" en poboación, "o que redunda nos ingresos, a pesar de que os impostos non se modifican".
As contas de 2022 deixaron ademais un remanente de tesourería próximo aos 1,9 millóns de euros. Parte desa contía irá a actuacións e proxectos de relevancia, xa tramitados ou en marcha.
Entre os proxectos xa definidos están a urbanización da parcela que permitirá a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán ou a achega municipal para a reforma integral da rúa Ramón Encinas de Raxó, que se financia nun 80% con fondos europeos.
Tamén haberá unha partida específica para acometer unha reforma na Casa Museo de Colón, en Portosanto, pendente de contar coa autorización de Patrimonio, ou outros 200.000 euros que se reservarán para optar a novas convocatorias de subvencións doutras institucións.