Numerosas reclamacións pola suba eléctrica en Consumo, ningunha polos prezos da alimentación
Este luns 15 de marzo celébrase o Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Luis López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, expuxo unha iniciativa da Xunta de Galicia que promove a defensa destes dereitos.
Esta proposta lévaa a cabo a Xunta de Galicia, a través do traballo das súas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, coas ferramentas administrativas autonómicas e das accións de divulgación, expón López.
A iniciativa trátase dunha caseta informativa situada na Praza da Peregrina, Pontevedra, no que se realizaban unha serie de preguntas sobre os dereitos dos consumidores e ao responder estas preguntas premiábase ás persoas cunha bolsa, cunha taza e tamén un bloc de notas para a neveira.
O delegado territorial estivo acompañado neste espazo por Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, e por representantes da Asociación de Consumidores Rías Baixas. López incidiu no "decidido compromiso" do Goberno galego cos cidadáns na adquisición e contratación "xusta" dos produtos e servizos.
A proposta segue co primeiro aniversario da iniciativa 'Venres de Consumo Responde', realizada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Este proxecto consiste nunhas charlas virtuais abertas a toda a poboación sobre a defensa dos dereitos dos consumidores. Tratan "temas sensibles como os servizos enerxéticos e a electricidade, e afonda na concienciación do consumo responsable, sostible e de proximidade e nas diversas circunstancias dun mercado cada vez máis global e dixital", expón López.
Esta iniciativa é unha forma para que "todos coñezamos mellor os nosos dereitos como consumidores e saibamos de primeira man as ferramentas que a Xunta pon á nosa disposición para a súa restitución", clarifica o delegado territorial.
De forma paralela a este proxecto, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, desde o 1 de marzo levaron a cabo accións formativas co estudantado de centros educativos de Pontevedra, Poio, Cambados e A Estrada.
López tamén expuxo un balance do servizo autonómico de Consumo na provincia de Pontevedra. Rexistráronse 10.829 consultas, habendo un aumento do 9,5% máis que en 2021; 8.584 reclamacións presentadas, cun incremento do 27,6% con respecto ás 6.727 cursadas ao exercicio anterior.
O delegado territorial finalizou a súa visita á caseta expoñendo que en 2022, as principais queixas que se notificaron foron no campo da enerxía, habendo 3.013 reclamacións, supoñendo un 35% do total, e no das telecomunicacións, con 2.094 (24%). As queixas, dentro desta comarca, proveñen de Pontevedra (1.189), Marín (321), Poio (187) e Sanxenxo (132). López comentou que en 2023, na oficina de Consumo de Pontevedra, presentáronse 629 reclamacións.
Segundo Montse Rodríguez, directora técnica da Escola Galega de Consumo, as principais 'queixas' notificadas son do "tema das eléctricas que está a acaparar a maior porcentaxe de reclamacións e as de telefonía". Rodríguez comenta que, de momento, non recibiron queixas do sector da alimentación e expón que debe ser porque "os prezos están liberalizados".
Relacionadas:
-
Advirten do aumento dun 158% nas reclamacións pola factura da electricidade en Vilagarcía en 2022
-
Pontevedra estima que terá que pagar 6 millóns de euros ao ano en electricidade
Por Alejandro Espiño |
-
Actos para informar á cidadanía sobre os seus dereitos no consumo e o funcionamento da factura da luz
Por Raquel Currás Martínez |