Catro detidos en Marín por roubar ferramentas e materiais en naves industriais
Por Redacción
Catro persoas foron detidas pola Policía Nacional en Marín como autores dos roubos de ferramentas e materiais de construción que se rexistraron ao longo dos dous últimos meses en naves industriais do municipio.
Os detidos, tres homes e unha muller, son veciños de Marín e a todos eles investígaselles por un delito continuado de roubo con forza.
Durante os seus asaltos, segundo informa a comisaría provincial, apoderáronse dunha gran cantidade de materiais e maquinarias por un valor que rolda os 50.000 euros.
A investigación policial sobre estes roubos comezou o pasado 10 de febreiro cando se denunciou a desaparición de materiais valorados en máis de 10.000 euros dun contedor de obra.
A Policía Nacional logrou identificar os autores deste roubo, que foron sorprendidos polos axentes cometendo outro asalto, esta vez levando materiais e ferramentas por uns 38.000 euros.
O modo de actuar dos detidos, segundo as autoridades, era sempre o mesmo.
Violentaban as fechaduras e cadeados de seguridade das propiedades que asaltaban, cargaban en furgonetas o material e posteriormente ocultábano en zonas escampadas ou leiras de difícil acceso para, días despois, recuperalo e tentar vendelo a posibles compradores.
Unha vez localizados, os catro detidos foron trasladados a dependencias policiais e, tras completarse as dilixencias, foron postos ao dispor do xulgado de instrución número 2 de Marín.