Arcebispo Lago, unha rúa que multiplicou por catro o espazo público para as persoas
Por Redacción
Vilagarcía estreou este xoves a profunda transformación urbana que experimentou a rúa Arcebispo Lago, en pleno corazón urbano do municipio. A reforma supuxo poñer a disposición dos peóns 1.800 metros cadrados máis, multiplicando por catro o espazo anterior.
A humanización, que foi inaugurada polo alcalde, Alberto Varela, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, implicou un investimento de 485.000 euros, financiados integramente polo goberno provincial a través do Plan Concellos e do programa Ágora.
As de Arcebispo Lago ou a Praza de Galicia son "obras que o mudan todo e fan que ata os edificios parezan máis fermosos", explicou Silva, que celebrou que Vilagarcía estea a converterse nun concello "onde se miran moitos lugares" pola súa calidade urbana.
A actuación en Arcebispo Lago posibilitou unha transformación total, integrando a rúa no deseño de actuacións anteriores como a da Praza de Galicia e restrinxindo o tráfico rodado, ao estar unicamente permitido para o acceso a garaxes e para a carga e descarga.
Ademais, adaptouse o pavimento para a circulación e descanso, dotando o espazo de zonas verdes -árbores, xardineiras con arbustos e plantas decorativas-, e instaláronse unha nova iluminación LED, máis respectuosa co medio ambiente, e bancos de formigón para o descanso.
Tamén se renovaron as redes de augas pluviais e de saneamento de todo este ámbito urbano.
A protagonista do proxecto é a auga, en referencia ás particularidades xeográficas de Vilagarcía.
A zona que ocupa o centro urbano de Vilagarcía foi unha marisma, á que se lle gañaron centos de metros a raíz da edificación no século XIX. Froito disto, a cidade sufriu frecuentemente inundacións, xa que a auga reclamaba o seu sitio.
As reformas de espazos como a praza de Galicia e Arcebispo Lago, ademais de solucionar estes graves problemas, devolven á auga o protagonismo a través da súa presenza física controlada.
O alcalde destacou que reformas como esta permiten seguir avanzando para impulsar o modelo de cidade "que defenderemos sempre", o de recuperar o espazo público "para que maiores e crianzas gocen e xoguen en zonas que antes eran de paso e agora son de xogo e recreo".