Condenan o Porto de Marín a pagar case 900.000 euros polo accidente dun buque por falta de dragaxe
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a pagar 889.558 euros polos danos provocados nun buque como consecuencia da súa falta de dragaxe.
O buque Ángeles Alvariño, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, sufriu un accidente en 2017 durante as manobras de varada nun estaleiro, o que provocou danos nos sensores do instrumental científico do barco.
Os maxistrados consideran que o sinistro se debeu a un "deficiente funcionamento" dos servizos públicos, pois a manobra de aproximación ao estaleiro era "relativamente sinxela".
Esta foi foi executada polo práctico e polo capitán, subliñan o TSXG na súa sentenza, "de modo correcto e adecuado, sen ningún tipo de neglixencia".
Con todo, ningún deles "coñecían nin podían prever a presenza duns baixos nin dragaxes nin tampouco balizados", apunta o fallo xudicial, pois a boia de amarre que, anteriormente, facía as veces de baliza de sinalización, fora retirada.
Os xuíces afirman que resulta "impensable" que, nun lugar de tránsito, se drague unha zona e se deixe outra con baixos ou formacións rochosas "que poñan en serio perigo a navegación".
Ao tempo, lembran que a Autoridade Portuaria ten a obrigación de manter as augas baixo a súa responsabilidade "en condicións de seguridade para a navegación”.
O TSXG responsabiliza do sinistro, exclusivamente, ao Porto de Marín por facer unha dragaxe da zona rochosa de forma incorrecta, sen eliminar a totalidade dos baixos que dificultaban e poñían en risco a navegación ou non documentar coa batimetría adecuada tal situación.
Ademais, tampouco balizaron a presenza dos baixos e non o puxeron en coñecemento da corporación de prácticos, "como era a súa obrigación”, indica o tribunal na sentenza.
Engaden, doutra banda, que existiu un "cúmulo de irregularidades” cometidas polo Porto de Marín, as cales asegura que o converten en "único e exclusivo responsable" dos danos sufridos polo buque do Instituto Español de Oceanografía”.
Así, non consta documentación oficial que acredite a dragaxe realizada, no ano 2016, na zona sur do peirao comercial de Marín, co fin de deixar unha sonda mínima de 4,5 metros.
Do actuado, manifesta a sala, "parece desprenderse que se realizou a dragaxe, pero é evidente que, de modo inexplicable, antes de chegar a esa cota, deixáronse intactas, e sen sinalizar, varias formacións rochosas con sondas entre 0,9 e 2 metros".
"Esa neglixencia carrexou un grave risco para a navegación e, sobre todo, para o acceso ao estaleiro", conclúe o TSXG na sentenza.
Os maxistrados destacan que tampouco se atopaba no lugar unha boia de amarre, situada encima das agullas máis altas, que aparecía nas cartas de navegación actualizadas en febreiro de 2017 e que servía tamén como balizamento para sortear eses baixos.
Contra esta sentenza, cabe presentar recurso de casación.