Pontevedra destaca na 5ª edición do Cities Forum 2023

© Gabinete de Comunicación do PSdeG-PSOE

© Gabinete de Comunicación do PSdeG-PSOE

© Gabinete de Comunicación do PSdeG-PSOE
Iván Puentes, concelleiro socialista, participou na 5ª edición do Cities Forum 2023, celebrada nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Turín.
Puentes ubicou a Pontevedra como unha cidade de importancia a nivel internacional como referente de políticas verdes e de loita contra o cambio climático.
Os encontros mantidos nestes días polo portavoz municipal do PSOE traducíronse nunha proposta en firme para que Pontevedra acolla este mesmo ano un encontro do Partnership Greening Cities, a rede comunitaria da que forman parte outras 7 urbes europeas: Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque; e 14 entidades, entre estas destaca o Banco Europeo de Investimentos.
Esta rede asesora á Comisión Europea no impulso de estratexias de renaturalización de cidades.
A proposta plantexada polo socialista no marco deste evento bienal, que reúne os actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades, tivo unha moi boa acollida por parte dos coordinadores desta alianza comunitaria, Bogdan Micu e Liviu Băileșteanu, do Ministerio de Desenvolvemento, Emprego Público e Administración de Romanía, e Thomas de Béthune, responsable de Políticas Rexionais e Urbanas da DG Regio da Comisión Europea.
"Pontevedra postúlase como sede dun dos vindeiros encontros desta rede europea de reverdecemento de cidades. Hai xa dúas citas programadas, unha en Malmö (Suecia) e outra en Bruxelas (Bélxica), e se quere que a seguinte sexa en Pontevedra. A nosa idea é facela coincidir coa presidencia española do Consello da UE, programada no segundo semestre deste ano, entre finais de 2023 e principios de 2024", avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.
Tal e como sinalou o socialista, "isto significaría que teriamos na nosa cidade a representantes institucionais e funcionarios das urbes e entidades que conforman o Partnership Greening Cities, e tamén con altos funcionarios da Comisión Europea, para que coñezan de primeira man o modelo de Pontevedra, a estratexia Pontevedra Flúe e toda a súa aposta polo reverdecemento e a adaptación da cidade ao cambio climático". Ademais, na súa opinión, este importante encontro "sería unha moi boa oportunidade de posicionarnos aínda mellor como referentes neste eido dentro do contexto europeo".
"Os coordinadores do Greening Cities procuran que este tipo de encontros coincidan con outros eventos relevantes na axenda da UE e, por iso, ademais reforzar a nosa proposta coa presidencia española do Consello da Unión Europea, -subliñou Iván Puentes-, tamén temos programado de cara a finais de ano un dos eventos comprometidos co Ministerio para a Transición Ecolóxica, que xorde pola subvención de 3,4 millóns concedida pola Fundación Biodiversidade: celebrar en Pontevedra un congreso internacional sobre o reverdecemento de cidades", indica Puentes.
O portavoz do PSOE expón que en Turín incidieron en que as cidades teñan as súas propias redes de infraestrutura verde, "algo no que Pontevedra xa está a traballar grazas á subvención dos fondos Next Generation que recibimos este ano por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica".
Segundo Puentes, nas reunións mantidas ao longo destas dúas xornadas "puidemos comprobar que somos a primeira cidade das que participan neste foro que está a desenvolver un Plan de Infraestrutura Verde deste tipo, anticipándonos incluso á propia lexislación, á propia guía que a UE está a deseñar para o conxunto dos países que a compoñen".
O representante do Concello de Pontevedra sinala que "o traballo que xa estamos a realizar en Pontevedra, apuntou o socialista, suscitou bastante interese por parte dos diferentes participantes, en especial dos representantes de países como Suecia, Croacia e Países Baixos, polo que quedamos cos membros do Greening Cities en colaborar, en axudarlles e en amosarlles o exemplo desta acción".
Iván Puentes asistiu esta mañá ao acto inaugural do Cities Forum 2023, protagonizado por Elisa Ferreira, alta comisaria para Cohesión y Reformas de la Comisión Europea; Stefano Lo Russo, alcalde de Turín, y Alexander Jevšek, ministro de Cohesión e Desenvolvemento Rexional de Eslovenia.
Pola tarde, Puentes participou nunha mesa sobre ‘Greening Cities na UE: 'enfoques estratéxicos para abordar o clima e os retos medioambientais' e noutra que abordou 'O papel e os retos das pequenas e medianas áreas urbanas á hora de achegar Europa aos cidadáns e impulsar a transición verde'.
O portavoz socialista asegura regresar a Pontevedra "coa esperanza de que, ao longo dos dous vindeiros anos que dura este Partnership Greening Cities, se poidan ir conquerindo fondos europeos e un posicionamento maior e de referencia da nosa cidade dentro da UE".