
© Concello de Bueu
Homenaxe no Peirao de Attilio ás vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo

Por Redacción

© Concello de Bueu

© PontevedraViva
A memoria das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo queda recollida desde este sábado 18 no Peirao de Attilio, no paseo de Pescadoira, no municipio de Bueu.
O Concello e as familias dos mariñeiros que faleceron no buque en Terranova lembraron durante esta xornada ás vítimas do fatal accidente coa descuberta dunha placa que leva por título 'Sempre con nós aínda que sen vós'.
María José de Pazo, portavoz das familias, presentaba este acto ante a presenza de Félix Juncal, alcalde de Bueu, concelleiros da corporación municipal; e autoridades como Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra e Fernando Berride, xefe do Servizo de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación, da Consellería do Mar.
A representante das familias lembrou aos 21 seres queridos "que nos faltan" e lembrou que eran un equipo, unha circunstancia que se traduce na solidariedade que une ás familias ao manter a loita para que se visibilice o que sucedeu hai un ano. De Pazo reivindicou o respecto á memoria dos falecidos demandando a investigación do acontecido.
Katia e Lorena Santomé interviñeron a continuación. As fillas de Fernando Santomé, veciño de Bueu que formaba parte do Villa de Pitanxo como cociñeiro. Ambas destacaron que o acto se realizase na véspera do Día do Pai e agradeceron a instalación da placa como "símbolo do noso recordo".
A Banda de Música Artística de Bueu interpretou 'Leia' e 'Negra Sombra' antes da ofrenda floral por parte das familias. Por último, o alcalde Félix Juncal, interveu para destacar que se trataba dun acto pequeno pero "importante e necesario, un momento para lembrar pero tamén para o recordo". A continuación, leu un poema de Xosé Henrique Rivadulla Corcón sobre as contradicións do mar que finalizou coa música de "Sactum".
Relacionadas:
-
Bueu súmase ás homenaxes polas vítimas do Villa de Pitanxo
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Licitan a baixada ao pecio do Villa de Pitanxo, que se resolverá o 29 de marzo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Homenaxe en Cambados aos mariñeiros falecidos con especial referencia ás vítimas do Villa de Pitanxo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Villa de Pitanxo navegaba escorado entre ondas de dez metros e coa arte de pesca largada cando comezou a afundir
Por Alejandro Espiño |
-
A do Villa de Pitanxo, unha loita que continúa: "Necesitamos aínda o voso apoio e consolo"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
"Esta placa xamais quedará sen flores. Que os 21 saiban que nunca os esqueceremos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O duelo sen pechar de Noemi un ano despois: "O máis duro é saber soportar que ese barco non vai volver"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |