Desvalixa unha caravana e acaba incriminado porque esquece alí a cazadora co DNI dentro
Por Redacción
Un home de 35 anos foi detido este domingo por presuntamente desvalixar unha caravana estacionada na rúa López Ballesteros de Vilagarcía. A Policía Local logrou incriminalo porque, na fuxida, deixou dentro a súa cazadora, na que levaba o DNI.
Os feitos aconteceron na tarde este domingo na rúa López Ballesteros. O detido supostamente desvalixouna por completo, levando roupa e todos os obxectos de valor que puido sacar da mesma. Para poder acceder, rompeu o vidro dunha das fiestras.
O dono deuse conta do roubo sobre as seis da tarde ao ver os danos na fiestra e unha persoa contoulle que vira un home abandonando a caravana sobre esa hora e deulle a súa descrición.
Grazas aos datos da testemuña, localizouno nas inmediacións e, vendo que levaba postas prendas da súa propiedade que gardaba no vehículo e que portaba outros obxectos roubados, retívoo e chamou á Policía.
A Policía Local acudiu ao lugar dos feitos tras a chamada do propietario alertando de que tiña retido este individuo.
Cando os axentes accederon ao interior do vehículo, atopárono todo revolto, con latas de comida e outras cousas tiradas polo chan. Tamén atoparon as zapatillas que o detido se quitara para calzar as botas extraídas da caravana e, sobre a cama, a cazadora que tamén se quitara esquecendo nun peto o DNI que o identificaba.
O sospeitoso é un home de 34 anos natural de Almería e acabou detido pola comisión dun delito de roubo con forza.
Segundo consta na denuncia, roubou roupa e calzado, cámaras de fotos go pro, un vídeo, un equipo de son, un smart watch, unha cámara de vídeo, un cargador de móbil, un moedeiro, unhas lentes, un xogo de chaves, unha riñoneira, un bolso, unha lanterna e un paquete de tabaco.