As instalacións deportivas do barrio do Buelo estrean unha pista de pádel
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de dotar dunha pista de pádel ao Concello de Moraña.
Completan así a rede de instalacións deportivas do barrio do Buelo cunha achega de máis de 35.000 euros ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público.
A actuación consistiu na construción dunha pista de pádel de 20 por 10 metros de dimensións cunha estrutura de aceiro galvanizado cuberta de resina-poliéster, malla metálica, paneis de cristal de gran resistencia nas fachadas, céspede artificial e un sistema de iluminación con catro equipos a seis metros de altura.
Así mesmo, a obra completouse cun muro de contención orientado a nivelar a contorna e soster toda a estrutura.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron este martes esta nova cancha de xogo, promovida polo Concello para atender a demanda dos afeccionados desta práctica deportiva e que se engade á ampla oferta dunha zona que conta con campo de fútbol, pavillón polideportivo, circuíto pump-track e pista multideporte.
Ao abeiro das ordes de achegas da Dirección Xeral de Administración Local, o Concello de Moraña recibiu máis de 750.000 euros para investimentos nos últimos anos.