Seis obras da área de Pontevedra recibirán en Sanxenxo os premios de arquitectura 'Gran de Area'
Por Oskar Viéitez
As delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrarán este sábado, 25 de marzo, o acto de entrega de diplomas aos premiados dos Premios 'Gran de Area' de Aportación á Arquitectura 2022.
O evento terá lugar ás 19 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo.
Este ano presentáronse 63 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos profesionais da arquitectura.
Ainda que os organizadores tamén queren recoñecer a todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.
As obras están englobadas en máis de dez tipoloxías diferentes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade. O pasado mes de decembro as tres delegacións facían público o fallo do xurado.
O xurado resaltou a gran variedade e calidade das propostas, pequenas ou grandes aportacións á arquitectura do sur de Galicia que entende "deben ser recoñecidas pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico, pero sen esquecer que son o resultado da colaboración de éxito de todos os axentes de obra, como son promotores, construtores e profesionais da arquitectura".
O xurado tamén valorou que a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.
O xurado seleccionou dezaseis obras (sete ubicadas na área de Vigo, seis na área de Pontevedra e tres na área de Ourense).
Entre os premiados na área de Pontevedra están Fermín González Blanco, pola transformación do patio do colexio de A Torre-Cela (Bueu); Luciano González Domínguez e Miguel Estévez, por dúas naves adosadas para centro loxístico en A Reigosa (Ponte Caldelas); ou Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López, pola horta e invernadoiro do restaurante Culler de Pau (O Grove).
Os outros tres galardóns serán para María García Couto, polo centro cultural e turístico Antonio Fraguas (Cerdedo-Cotobade); Santiago Pintos Pena e Jaime Rodríguez Abilleira, pola reforma do restaurante Albanta (Vilaboa); e José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, pola humanización da Praza da Feira (A Estrada).
Relacionadas:
-
Os arquitectos premian en Sanxenxo dezaseis exemplos dun urbanismo "responsable e sostible"
Por Redacción |
-
Pascuala Campos de Michelena, arquitecta vencellada a Pontevedra, distinguida co Premio COAG
Por Redacción |
-
Oito chalés da comarca entre as 55 candidaturas que compiten por los Premios COAG de Arquitectura
Por Oskar Viéitez |
-
Unha alumna de Marcón acada o segundo premio do I Concurso de Debuxo Infantil 'A Supercasa'
Por Redacción |