A Avenida de Ourense, entre Estribela e a Escola Naval, será humanizada por completo
Por Redacción
A humanización da Avenida de Ourense, que xa se executou na beirarrúa máis próxima ao Porto de Marín, completarase cunha nova actuación que acaba de ser aprobada polo titular da vía, o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.
O Goberno prevé sacar a licitación por 1,25 millóns de euros unhas obras que se realizarán entre os puntos quilómetros 4,2 e 5,8. É dicir, entre Estribela e a Escola Naval.
Unha vez reformado, este tramo será transferido ao Concello de Marín, que pasará a ser o novo responsable da súa conservación e mantemento.
Esta avenida, un dos principais viais de Marín, conta segundo o ministerio con numerosas edificacións e múltiples baixos comerciais. Hai zonas de aparcamentos sobredimensionadas e beirarrúas de reducidas dimensións que provocan problemas de seguridade para os peóns.
Así, esta obra de humanización busca contribuír a aumentar a seguridade dos usuarios, reducir a saturación do tráfico en favor de novas formas de mobilidade sostible, diminuír a contaminación na zona e mellorar a calidade de vida dos veciños.
O proxecto, que se limitará á beirarrúa oposta ao porto e á calzada, propón renovar o pavimento e ampliar a beirarrúa, rehabilitar todo o firme, actualizar toda a sinalización ou cambiar a iluminación de todo o tramo.
Ademais, construirase unha glorieta na actual intersección do punto quilométrico 5,05, concretamente no cruzamento coa Rúa Carballiño.
Esta intervención inclúese no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dentro do programa de humanización de travesías, que contempla un investimento de 105 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU para potenciar unha contorna urbana máis sostible, inclusiva e accesible.