Serganosa, a empresa proposta para renovar a piscina municipal de Marín
Por Redacción
Unha das promesas pendentes do goberno local de Marín, na súa aposta por mellorar o estado das instalacións deportivas do municipio, era a reforma da piscina municipal.
Unha actuación que pronto se fará realidade, pois o Concello espera adxudicar o contrato nos vindeiros días despois de pechar o prazo de licitación ao que concorreros tres empresas. A empresa Serganosa presentou a oferta máis vantaxosa e, se non hai complicacións, será a encargada de facer realidade o proxecto.
A obra inclúe intervencións nas distintas partes do inmoble: as fachadas, as cubertas, as estruturas metálicas e o interior dos vestiarios e do ximnasio.
Dentro do proxecto, ademais, valórase a desmontaxe completa da instalación actual que hai de paneles solares, xa que nestes momentos está obsoleta. Quitarase a estrutura de aluminio e vidro do tellado para repoñela, algo semellante ao que se fará co lucernario que ilumina o graderío da piscina, que tamén está nun estado comprometido.
Asemade, executarase unha nova cuberta e retiraranse todas as mallas metálicas que serven de peche e que non estean en boas condicións. Farase unha limpeza xeral das fachadas e renovaranse aqueles paneis que así o precisen por presentar deterioros.
No que respecta aos vestuarios, renovarase o pavimento existente e demolerase o falso teito continuo de ferro e escaiola, mentres que no ximnasio tamén se levantará o entarimado de madeira para substituílo por baldosas de gres antideslizantes.
O orzamento que se destinará a este proxecto será cercano aos 437.000 euros, que irán con cargo ao Plan Concellos deste ano, e terá un prazo de execución de catro meses.