O BNG busca consenso para que Marín deixe de ter símbolos franquistas
Por Natalia Puga
En Marín "aínda existen símbolos franquistas á vista de todo o mundo" e o BNG quere poñerlle freo en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Con esta finalidade, presentará unha moción no vindeiro Pleno da Corporación municipal no que busca o consenso de todos os grupos para conseguir o cambio dos nomes de rúas dedicadas á Ditadura e á eliminación da simboloxía que perdura en edificios da localidade.
O historiador de Marín Celso Milleiro explicou que o que reclaman é que se continúe con proceso de recuperación da memoria histórica que comezara no ano 1998 e que se freou co actual goberno local do PP, pero tamén "que a xente coñeza un pouco máis da historia e do que hai e pasou" e "que a xente non esqueza, para que non suceda de novo".
"O motivo da moción é devolverlle a dignidade ás persoas asasinadas e dar cumplimento a unha lei", explicou a voceira do grupo municipal nacionalista, Pilar Blanco. No texto que levará a Pleno para debate recorda que a Lei de Memoria Histórica "pese as súas eivas, é un chanzo importante para encontrarmos co noso pasado e restablecer unha certa normalidade na recuperación da memoria colectiva".
A voceira nacionalista recorda que o anterior goberno municipal retirou conmemoracións honoríficas e nomes de rúas de persoeiros vencellados á ditadura, ficaron algunhas rúas como Ejército y Marina e Polígono de Tiro Naval Janer e aínda quedan placas e rótulos franquistas como a placa a un militar sublevado na barriada das Favarizas, a colocada no templo vello e outras en edificios como a sede de Aduanas e instituto Illa de Tambo. Nestes dous últimos casos, os símbolos están "agochados en lugar de retirados".
Dentro do proceso para que Marín "recupere a súa dignidade e a súa historia" porque "está entre os concellos galegos máis represaliados", os nacionalistas ven necesario retirar eses símbolos antes relatados, pero tamén outros támites como incluir na cronoloxía oficial do Concello de Marín que se recolle na súa páxina web os feitos relacionados co alcalde democrático en 1936, Antonio Blanco Solla, "o cal foi sacado da cadeira municipal e fusilado polos sublevados fascistas tras un Consello de Guerra o 31 de Decembro xunto con varios veciños de Marín, compoñentes do Comité de Defensa da República".
Na web municipal piden que tamén se faga mención a que entre 1936 e 1939 existiu unha Guerra Civil onde foron asasinados, perseguidos e represaliados moitos veciños do concello e en relación cos nomes das rúas a moción somete a debate que se abra un expediente para o cambio de nome das rúas Canellón Álcantara, Ejército y Marina e Polígono de Tiro Naval Janer. Tamén reclama a retirada da placa existente na Igrexa Vella de Santa María do Porto de Marín relacionada coa Guerra Civil e que o Concello se dirixa a Aduanas e ao IES Illa de Tambo para que retiren inmediatamente o escudo fascista das súas edificacións.
Tamén en cumprimento da Lei de Memoria Histórica solicitan que o Concello inicie os trámites para declarar a nulidade do xuízo da causa militar 558/36 que sentenciou a morte ao Alcalde Antonio Blanco Solla e a varios veciños de Marín, que se condene a ditadura e a represión franquista e que dende o Concello se promova un estudo para coñecer que simboloxía fica aínda da ditadura franquista co fin de eliminala, como por exemplo a placa co nome de Salvador Moreno na Barriada das Favarizas.