Nove fervenzas para descubrir esta Semana Santa
Por Redacción
O territorio galego está delimitado polo oceáno Atlántico no seu lado oeste e polo mar Cantábrico na súa vertente norte, situación que o converte en porta de entrada a frecuentes frontes de choivas abondosas. A orografía crebada fai que os ríos, regatos, torrentes e mananciais de Galicia atopen no seu percorrido frecuentes dificultades que furan ou salvan creando espectaculares cadoiros de auga.
A numerosa presenza de fervenzas en Galicia ponse de manifesto nas ducias de palabras galegas que temos para denominalas: fervenzas, férvedas, fírvedas, freixas, fechas, ficheiras, chorreiras, cadoiros, saltos, cachóns, callóns, cachoeiras, abanqueiros, ruxidas, ruxidoiras, rexedoiras, cenzas, caeiras, pincheiras, seimeiras...
Esta riqueza en fervenzas fai que sexa complexo concretar o número exacto das que temos en Galicia. A páxina oficial da Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia indica que superan as trescentas. Con vistas ás escapadas de Semana Santa, o organismo autonómico está a promocionar estes enclaves naturais a través da publicación na súa web da guía: 'Fervenzas de Galicia, poema visual', que tamén se pode descargar en formato pdf.
Na comarca de Pontevedra e contorna, Turismo de Galicia propón a visita a nove fervenzas que discorren por contornas naturais e paisaxes abraiantes.
NOVE FERVENZAS PARA DESCUBRIR
► Fervenzas do Pereiro (Poio): A pequena ruta do Pereiro, que leva ata estas fervenzas, discorre polo monte Castrove - situado entre os concellos de Meis e Poio -, o lugar no que se sitúan dous importantes mosteiros medievais: o mosteiro beneditino de San Xoán de Poio e o mosteiro cistercense de Santa María de Armenteira. Deixaremos o coche en Pereiro de Abaixo, xunto á ponte vella, e continuaremos a pé seguindo o curso do regato do Pereiro, que atravesaremos en varios puntos por pequenas pontes de madeira. Despois de camiñar uns 475 metros chegaremos á Fervenza da Pindilleira, duns 7 metros de altura e, un pouco máis adiante, atoparemos a Fervenza da Freixa Alta, cunha altura de 10 metros.
► Fervenza do Barosa (Barro): Na estrada N-550 entre Pontevedra e Caldas de Reis, á altura do municipio de Barro, veremos sinalada a entrada ao Parque da Natureza do Río Barosa, que forma parte do percorrido do PR-G 105 Sendeiro dos muíños do Barosa e onde atoparemos esta fervenza e un conxunto de 17 muíños. A fervenza está no río Agra ou Barosa, afluente do río Umia, e salva un notable desnivel duns 30 metros, con varios saltos e tobogáns.
► Fervenza de Segade (Caldas de Reis): No centro de Caldas de Reis encontramos o Xardín Botánico, orixinario do século XIX e catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1962, que servirá como punto de partida deste roteiro que nos levará ata a Fervenza de Segade, que se atopa no río Umia. Despois de camiñar río enriba durante aproximadamente un quilómetro atoparemos unha ponte, que deixaremos á dereita para seguir pola pista de terra. Pasaremos xunto a varios muíños de auga e chegaremos ás ruínas da antiga Fábrica da Luz, construída en 1900 e activa durante máis de 50 anos, subministrando electricidade a toda a comarca ata os anos vinte. Ao seu lado, o máis esperado da ruta: a fervenza, que cunha altura duns 30 metros baixa formando diferentes piscinas naturais con profundidade suficiente para poder darse un baño.
► Freixa das Laxes (Moraña): Para chegar á Freixa das Laxes debemos dirixirnos ao lugar da Fontaíña, na parroquia de san Pedro de Rebón, concello de Moraña. Alí debemos deixar o noso vehículo para continuar a pé. Como non hai ningunha sinalización camiñaremos ata a última casa da aldea, pasamos por diante dela e collemos á dereita por un camiño de lousas que nos levará ata unha pequena ponte que cruza o río. Nuns poucos metros chegaremos á Freixa das Laxes que se atopa no río de Gundeiro, afluente do río Agra que á súa vez desemboca no río Umia. Alí atoparemos un muíño e un par de pequenos saltos de auga. Importante: debemos de ter moita precaución ao camiñar sobre as laxes xa que, cando están molladas, vólvense extremadamente escorregadeiras.
► Fervenza de Hérvedo (Cuntis): Para chegar a esta fervenza dirixirémonos ao lugar de Castrolandín, no concello de Cuntis, e alí deixaremos o noso vehículo para continuar a pé. No inicio da ruta veremos un cartel informativo coas indicacións para chegar á Fervenza das Campaíñas, á fervenza de Hérvedo e á fábrica da luz. Seguiremos un sendeiro que baixa ata o río da Patela e cruzarémolo por unha pequena ponte de madeira, onde atoparemos unha frecha que nos indica que continuemos polo camiño da esquerda. Remontaremos o río da Patela, chegando en primeiro lugar á fábrica da luz, da que só quedan os restos dos seus muros e da maquinaria. Dende aquí continuaremos subindo xunto ao río para chegar ao pé da Fervenza de Hérvedo.
► Fervenza das Campaíñas (Cuntis): Para chegar a esta fervenza dirixirémonos ao lugar de Castrolandín, no concello de Cuntis, e alí deixaremos o noso vehículo para continuar a pé. No inicio da ruta acharemos un cartel informativo coas indicacións para chegar á Fervenza das Campaíñas, á Fervenza de Hérvedo e á fábrica da luz. Seguiremos un sendeiro que baixa ata o río da Patela e cruzarémolo por unha pequena ponte de madeira, onde atoparemos unha frecha que nos indica que continuemos polo camiño da dereita. O traxecto discorre por unha pista ancha e sen complicacións. Pero, se queremos baixar ao pé do salto principal, duns 8 metros de altura, teremos que camiñar uns metros máis para coller un pequeno sendeiro que sae á man dereita. Baixaremos ata o río e retrocederemos uns metros para chegar á Fervenza das Campaíñas. Importante: este último treito é estreito e sombrío, polo que debemos extremar a precaución sobre todo en época de chuvias.
► Fervenza das Penizas (Cerdedo-Cotobade): Dende A Estrada collemos a EP-7001 en dirección ao lugar de Codeseda e alí continuamos pola PO-7102 cara a Sabucedo. A partir de aquí, seguiremos por pistas asfaltadas ata chegar a aldea de Fondós, na parroquia de San Tomé de Quireza (concello de Cerdedo-Cotobade). No final da aldea atoparemos un camiño polo que só poderiamos continuar se temos un vehículo 4x4, polo que se recomenda aparcar e continuar a pé. A fervenza atópase no regueiro das Penizas, un pequeno regato que nace no pico dos Aguillóns, a 768 metros de altitude. Remontamos o río pola beira esquerda e iremos vendo pequenos saltos de auga antes de chegar á fervenza principal, que cae dende 10 metros de altura formando unha gran piscina natural.
► Fervenza da Fírveda (A Lama): Para chegar a esta fervenza dirixirémonos ao lugar da Fírveda, no concello da Lama. Xusto na entrada á aldea deixamos o noso vehículo, e continuamos a pé cruzando a praza principal, onde atoparemos o sinal que indica a dirección que hai que seguir para chegar ao salto de auga. Baixaremos un metros por un carreiro, entre un bosque con gran diversidade de especies vexetais: amieiros, bidueiros, freixos, carballos, piñeiros,... ata chegar ao río Verdugo que, neste punto, dá lugar a unha caída de auga de case 15 metros de altura.
► Freixa de Liñares (A Lama): Para chegar a Liñares podemos ir dende A Lama pola estrada de Gaxate, dende Pontecaldelas pasando por Xende, ou dende Paradela seguindo as levadas de auga dos muíños. Unha vez en Liñares camiñaremos por un sendeiro sinalizado para chegar á fervenza. O río Oitavén, chamado Xesta na súa cabeceira, nace na serra do Suído e, a partir de Liñares, forma diferentes fervenzas entre as que destaca esta, que baixa entre rochas graníticas e rodeada de mestos bosques de ribeira e carballeiras e está na ruta de sendeirismo PR-G-24 A Freixa.
Relacionadas:
-
Tres espazos naturais de Caldas, certificados como destino de turismo científico botánico
Por Redacción |
-
Turismo de Galicia propón once rutas polas mellores paisaxes do litoral galego
Por Redacción |
-
Galicia consolídase como destino turístico de calidade
Por Redacción |
-
Destinos galegos para gozar todo o ano
Por Redacción |