O primeiro cambiador inclusivo de Pontevedra estará na Praza de Galicia
Por Redacción
A partir do próximo luns 27 de marzo comezará a instalarse en Pontevedra o primeiro cambiador inclusivo que haberá na cidade. Estará situado na Praza de Galicia, xusto detrás do vello quiosco da praza. É unha experiencia piloto que se desenvolverá durante tres meses.
Este cambiador, que poderán utilizar exclusivamente as persoas con grandes ou complexas necesidades de asistencia na hixiene, contará con inodoro, lavabo, ducha, padiola axustable ou sistema de guindastre. Todo iso estará combinado nun espazo duns doce metros cadrados
O edil de Benestar Social, Marcos Rey, explica que a idea é probar o seu funcionamento e que os seus usuarios "nos poidan dicir que cousas se poden mellorar ou que cuestións botan en falta", antes de determinar a localización definitiva deste equipamento.
"Entendemos que se existen cambiadores para bebés, tamén debe habelos para persoas que teñen outras necesidades e os cambiadores inclusivos pretenden precisamente dar resposta e adaptarse a estas necesidades persoais", subliña o concelleiro socialista.
Estes cambiadores, segundo o responsable municipal de Benestar Social, ofrece un ambiente "seguro e limpo" para os seus usuarios, equipos axeitados ás súas necesidades, espazos amplos para que poidan entrar dúas persoas e un control de acceso funcional.
Este proxecto é resultado da colaboración entre o Concello coa Asociación para a Coordinación de Cambiadores Inclusivos (ACCI), que ofrece asesoramento e acompaña ás entidades en cada etapa do deseño, subministro, instalación, mantemento e rexistro deste tipo de cambiadores.