Cuntis renovará o firme en Guldrigáns, o acceso a Mesego e o núcleo do Piso
Por Redacción
A través dun investimento que chegará do Plan Concellos da Deputación, o goberno municipal de Cuntis poderá actuar para renovar o firme e a pavimentación en Guldrigáns, o acceso a Mesego e o núcleo do Piso. As tres obras teñen un orzamento de case 242.000 euros.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asegura que estas tres actuacións contribuirán a mellorar a cohesión do territorio cunha mellora substancial da rede viaria interna, á vez que garanten "importantes melloras" na seguridade da condución.
Na estrada de acceso a Mesego, a obra beneficiará ao núcleo de Zor e ao vial que vai cara Castrolandín, que rexistra un importante volume de tráfico. Neste caso a plataforma de circulación ensancharase ata os 6 metros para facilitar o tráfico nos dous sentidos, co posterior asfaltado con aglomerado en quente e a canalización das augas pluviais.
Nunha primeira fase o Concello acometerá un tramo de 1,5 quilómetros, aos que dará continuidade en actuacións sucesivas.
En Guldrigáns, ademais do asfaltado do acceso, a obra inclúe a renovación das canalizacións da rede de abastecemento de auga ao quedarse obsoleta.
O núcleo do Piso, en Arcos de Furcos, verá renovada pola súa banda a rede interna de estradas municipais cunha nova capa de rodadura que resolva os problemas de deterioro e de fochancas que presenta na actualidade.
Relacionadas:
-
Os traballos de mellora no núcleo rural de Guldrigáns, pendentes da climatoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis renova o camiño rural que une os lugares de Cardecide e Meira de Arriba
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis mellora o vial da N-640 a San Mamede cun investimento de 67.000 euros
Por Redacción |