Unha trintena de expositores para o regreso a Sanxenxo da feira de oportunidades
Por Redacción
A Praza do Barcos acollerá en plena Semana Santa, entre os días 6 e 8 de abril, unha nova edición da feira de oportunidades de Sanxenxo. Nesta ocasión serán 29 os expositores que ofrecerán os seus produtos artesanais ao público.
Esta cita, que segundo o Concello está "plenamente consolidada", terá entrada gratuíta e contará cun horario continuado, de 11:00 a 22:00 horas.
Entre os produtos que se poderán adquirir atópase calzado, roupa, pel, bixutería, mel, artesanía, decoración e mesmo un posto de estética onde se poderán realizar tratamentos.
Na feira participarán os comerciantes locais, que ofrecerán descontos que, nalgúns casos, superarán o 70%. O modelo dos expositores será como en anos anteriores tipo jaima.
Ademais, nesta edición, a Asociación contra o Cancro de Sanxenxo levará a cabo unha campaña de recadación de fondos para a investigación do cancro infantil, en colaboración coa churraría Kuki Galiano.
Como homenaxe ao pequeno portonovés, Arturo González, falecido por mor da enfermidade o pasado mes de febreiro, encargáronse 2.000 cuncas coas frases que o neno adoitaba dicir: "Te quiero hasta el infinito" e "Te quiero mil y casas y ocho edificios".
Todas as persoas que compren a cunca, serán convidadas pola churraría a unha ración de chocolate e churros.