Vanessa Rodríguez Búa anuncia a súa retirada da política activa
Por Redacción
A concelleira de Cidadáns en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez Búa, anuncia a súa retirada da política activa, o que implica que non participará nas próximas eleccións municipais do próximo mes de maio.
Tras oito anos formando parte da Corporación municipal de Sanxenxo, os dous primeiros como membro dun goberno de coalición, Vanessa Rodríguez Búa considera que chegou o momento de tomarse un "descanso" e centrarse en "proxectos persoais", deixando a "porta aberta a unha futura volta á primeira liña da política local".
Rodríguez Búa agradece a dedicación e o apoio do equipo de persoas que traballou xunto a ela na pasada campaña, "realizando un esforzo titánico xa que careciamos de medios e o único que nos movía era a ilusión de ofrecer un proxecto diferente, baseado na honestidade e a transparencia".
Recoñece que "esa mensaxe non calou na cidadanía" e considera que "o esforzo realizado non tivo o reflexo que esperaba no resultado electoral", obtendo a candidatura unha soa acta.
A edil agradece tamén a confianza de quen votou a súa candidatura e de que aqueles que, a pesar de non facelo, confiáronlle a responsabilidade de fiscalizar o labor do goberno. "Atrás quedan centos de preguntas e mocións presentadas no últimos catro anos que dan fe dunha oposición rigorosa e responsable pero non obstaculizadora", sinalou.
Vanessa Rodríguez Búa asegura irse "satisfeita co traballo realizado". "Foron oito anos moi intensos, con etapas moi diferenciadas que en global conforman unha experiencia vital que será difícil de esquecer", valorou.