As Xuventudes Socialistas renacen en Pontevedra con David Fraga á fronte
Por Redacción
Dezanove anos ten o novo responsable das Xuventudes Socialistas en Pontevedra. É David Fraga Garrido, un mozo que actualmente estuda Maxisterio e xoga como futbolista no Pontevedra CF.
Con el á fronte renace unha agrupación que nos últimos anos estivo inactiva na cidade.
A executiva municipal da mocidade socialista de Pontevedra complétase con Estrela Vilacoba Blanco, como secretaria de organización; e Alexandre Balboa Cintrón, como secretario de política municipal.
Para a súa constitución as Xuventudes Socialistas reuníronse este venres en Pontevedra, nunha xuntanza que estivo presidida polo seu secretario xeral en Galicia, Xurxo Doval; Iván Puentes, candidato do PSOE á alcaldía; e Maica Larriba, secretaria xeral dos socialistas de Pontevedra.
O novo responsable local das mocidades socialistas destacou que "nace unha nova oportunidade de ofrecerlle á Pontevedra moza respostas claras e concisas aos seus problemas".
"Esta vai ser a súa casa e a súa canle de loita e información", subliñou.