A feira de artesanía regresará a Baltar entre o 3 de xullo e o 31 de agosto
Por Redacción
Ata 225 metros cadrados ocupará este verán a superficie de actividade da feira de artesanía de Sanxenxo, que se instalará no Paseo de Baltar (Portonovo) entre os días 3 de xullo e 31 de agosto. Farao co modelo que se implantou o pasado ano.
Esta proposta, baseada nos produtos de proximidade e de elaboración personalizada con obxectos únicos e de calidade, está pensada para que supoña un reclamo turístico que non conleve unha competencia para o comercio local.
O horario da feira será de 19 horas a 24 horas todos os días da semana. Os xoves, sábado, domingos e festivos abrirán tamén de 12 a 14 horas.
Turismo de Sanxenxo aprobou as bases do concurso para contratar á firma que se encargará da organización, xestión e explotación desta cita. A autorización á compañía adxudicataria poderá ser prorrogada ano a ano ata 2026.
Nos criterios de valoración das propostas concederase ata 50 puntos, a máxima puntuación, á memoria organizativa e descritiva das actividades, os materiais e casetas que se vaian a utilizar, a vixilancia do espazo ou o mecanismo de selección de artesáns.
Con ata 30 puntos, avaliarase a experiencia en organización, xestión e desenvolvemento das feiras e eventos de artesanía; e con 10 puntos valorarase a disposición de páxina web, blogue ou perfil social onde se faga referencia expresa á actividade de artesanía e organizacións de eventos.
Os expositores da feira deberán dispoñer dun carné de artesán en vigor expedido pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou doutra comunidade de acordo coa lexislación vixente e dispoñer de produción propia para atender a demanda prevista durante a feira.
Ademais, as bases recollen de forma expresa a prohibición de venda de alimentos e a revenda de produtos.