A praza de abastos de Vilanova quere reconverterse en espazo gastronómico
Por Redacción
A planta superior do mercado de abastos de Vilanova de Arousa converterase nun espazo gastronómico. É o ambicioso proxecto que impulsa o goberno municipal que, en rolda de prensa, avanzou os detalles desta actuación para a que xa busca financiamento.
Este espazo, que ocupará uns 1.100 metros cadrados, contará con oito postos con diversas propostas gastronómicas, pensadas para comer alí de maneira cómoda ou levarllas para casa.
Terá ademais unha zona con mesas de degustación, unha área de lecer infantil e xuvenil con xogos e acceso a internet e unha ampla terraza.
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, explicou que a estrutura da praza de abastos manterase sen cambios, así como tampouco se modificarán a distribución dos postos de venda actuais.
As obras limitaranse á planta superior e ás fachadas, onde se abrirán grandes ventás ao exterior.
O Concello velará porque a oferta gastronómica sexa variada e os postos propoñan propostas diferentes que non compitan entre si cos mesmos produtos.
Estiman que este espazo gastronómico poderá crear unha vintena de postos de traballo.