Diego Álvarez, educador canino: "O olfateo é para os cans como a nosa caña, o noso cine ou o noso paseo en parella"
Os problemas máis importantes que pode presentar un can, a nivel de comportamento, son o medo e o estrés. Dúas cuestións que, polo xeral, van unidas. Así o explicou o educador canino Diego Álvarez, un dos participantes da I Feira Galega da Mascota.
"O estrés non é nin bo nin malo, senón necesario. Os animais utilízano para poder adaptarse ao medio", sostén o responsable da firma Kesar's. Pero o problema xorde, segundo este experto, cando ese estrés "non é xestionable polo animal".
Se o acompañante humano do can non logra rebaixar ese nivel de estrés, segundo Álvarez, pode converterse en estrés agudo, en estrés crónico e mesmo en indefensión aprendida, "algo moi parecido á depresión humana".
Aínda que pode ser un estrés positivo por unha "alegría excesiva", o certo é que todo suma e pode provocar condutas como romper cousas en casa, ladridos excesivos, perseguir obxectos en movemento, ouriñar en exceso, comportamentos obsesivo, vómitos ou hiperactividade.
Hai ademais "signos menos evidentes" como sacudirse se non está mollado, relamerse o fuciño se non acaba para comer ou bocexar se non é por soño. Son os sinais de calma, "a forma máis silenciosa que teñen para comunicarse" e que aos humanos "máis nos custa interpretar".
Diego Álvarez aconsella que, para que o animal non se estrese, "basicamente hai que deixarlle ser can", dándolle unha alimentación sa e non utilizando ningún "método aversivo", non sobreexcitalo ou non estimulalo en exceso lanzándolle pelotas ou paus.
"Co exercicio físico non se cansan os cans, actívanse e se estresan, pero non se cansan aínda que ao principio o pareza", afirma este educador canino, que tamén recomenda evitar interaccións inadecuadas, especialmente os abrazos.
Respecto ao paseo, Álvarez suxire empregar un arnés en forma de H que non lle oprima ningunha zona sensible do corpo, unha correa longa de 3 metros ou máis (que lle permita afastarse se ten medo), que dure un tempo adecuado (é igual de malo pasarse que non chegar), e sobre todo, deixarlle que olfatee "como el queira, onde el queira e o tempo que necesite".
"O olfateo é para os cans como a nosa caña, o noso cine ou o noso paseo en parella", subliña o colaborador do programa Podcans de PontevedraViva Radio, que defende ter en conta o descanso dos cans, entre 12 e 16 horas ao día, respectando eses momentos.
Á pregunta de como baixar o estrés unha vez causado, o educador apunta fórmulas como o olfateo cun sementado de premios no chan de casa, por exemplo,
Os xoguetes interactivos ou mentais poden divertirlos ou entretelos nun momento dado, pero non adoitan rebaixar o estrés, senón aumentalo.
Ao final da súa charla, Diego Álvarez non dubidou en afirmar que os que causamos máis estrés nos cans somos os humanos. "Non só porque lles contaxiamos do noso estrés, senón porque non lles deixamos ser cans", sentenciou.