Alimentos sen glute presumen de sabor na Plaza de España
Por Redacción & Cristina Saiz
Unha trintena de expositores forman parte da primeira edición da Feira de Sabores Sen Glute que, ao longo de toda esta fin de semana, se pode visitar na carpa instalada na Praza de España.
A feira, impulsada polo departamento municipal de Promoción Económica, busca facer visibles os problemas que sofren cada día as persoas celíacas e poñer en valor o labor das empresas que enfocan a súa produción á elaboración de produtos sen glute.
Bebidas de hidromel, meles, queixos, pementón, marmeladas, embutidos, anchoas, elaboracións artesanais con algas variadas, garavanzos, arroces, fideuás, caldeiradas de peixe, cogomelos, aceites, licores, chocolates ou patés son algúns dos produtos que se poden degustar ou mercar.
Ademais, tamén hai oferta de conservas, caramelos, cervexa, café, vermú, cocktails, cremas de froitos secos, receitas con flores e bagas do saúco, elaboracións con fariña de castaña, sidra, polo frito e diversos artigos de alta cociña e delicatessen.
Este mercado, que pechará as súas portas o domingo, abre en horario de 11:30 a 20:00 horas.
A concelleira Yoya Blanco, que participou este sábado na súa inauguración, destacou que esta feira "era algo necesario" porque hai unha demanda "moi importante" deste tipo de produtos "e non sempre atopan o que necesitan en todos os sitios".