Ventos de 118 quilómetros hora, pero sen danos de alcance, para recibir o ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A alerta por temporal lanzada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia para a primeira madrugada e o primeiro día do ano cumpriuse. Os fortes ventos e as intensas chuvias foron unha constante dende última hora da mañá deste mércores 1 de xaneiro e as estacións meteorolóxicas rexistraron cifras propias de fenómenos moi adversos.
Non houbo que lamentar danos de alcance, pero as poucas persoas que saíron á rúa nas primeiras horas de 2013 tiveron que facelo con paraugas e foi habitual a estampa de papeleiras cheas de varas rotas.
Ao igual que aconteceu co temporal de Noiteboa, a estación de Meteogalicia en Xesteiras, en Cuntis, foi a que rexistrou os datos máis rechamantes. Chegou a alcanzar refachos de vento de ata 118, 8 quilómetros por hora e a chuvia caída durante toda a xornada deixara ás 18.00 horas 92,7 litros de auga por metro cadrado.
Pontevedra e o resto da súa área de influencia viviron tamén os efectos do temporal, pero con rexistros máis suaves. Na estación de Lourizán á mesma hora alcanzárase un refacho de vento máximo de 48,2 quilómetros por hora e a chuvia acumulada en todo o día era de 25,4 litros.
Precisamente a escasa distancia desa estación de recollida de datos rexistrouse o incidente máis salientable dos contabilizados polo Corpo de Bombeiros de Pontevedra durante toda a xornada. Foi necesaria a súa intervención no lugar de Regueiriños, en Estribela, porque unha árbore caera sobre o tendido telefónico e obstaculizaba a circulación.
No monte Castrove, en Poio, o vento soprou con máis forza, chegando a alcanzar os 71,6 quilómetros por hora, e tamén choveu con maior intensidade, ata recollerse 39,1 litros de auga por metro cadrado.
Meteogalicia informa de que a comunidade autónoma continuará este xoves 2 de xaneiro con inestabilidade atmosférica e a xornada terá chuvias xeneralizadas que poden ser puntualmente fortes en Pontevedra e o sur de Ourense.