Volve 'O monte é teu', o programa de actividades para descubrir os parques forestais
Por Redacción
Os parques forestais da Fracha, A Tomba e O Pontillón volverán a acoller as actividades do programa municipal O monte é teu, deseñado para que a veciñanza da cidade descubra estes espazos naturais e gocen con propostas lúdicas ao aire libre.
Así, entre os meses de abril e maio, haberá actividades de observación do canto das aves, fotografía, geocatching, orientación, kaiak, tai chi ou lendas mitolóxicas de Galicia, entre outras.
Todas elas serán de balde e con inscrición previa na páxina municipal montes.pontevedra.gal.
As dezasete actividades previstas, segundo o edil de Montes, Alberto Oubiña, están pensadas para que persoas a título individual, amizades ou familias "poidan desfrutar do monte e coñecelo á par de pasar un anaco de lecer e entretemento".
No parque forestal da Fracha haberá sesións de tai chi (sábado 1 e sábado 22 de abril), observación de estrelas (sábado 15 de abril), contacontos sobre o campo e o rural (domingo 16 de abril) ou un paseo creativo polo parque (domingo 16 de abril).
Haberá ademais unha saída para identificar plantas silvestres (sábado 29 de abril) ou unha proba de orientación nocturna (sábado 6 de maio).
Unha actividade de fotografía de natureza (domingo 2 de abril) abrirá as actividades no parque forestal da Tomba, que tamén acollerá unha sesión de meditación no bosque (sábado 15 de abril), observación do canto das aves (sábado 15 de abril) ou orientación (domingo 16 de abril).
A mitoloxía galega será a protagonista dunha proposta nocturna (sábado 22 de abril) e haberá tamén unha ruta para coñecer a biodiversidade do parque (domingo 23 de abril).
Xa no parque do Pontillón as propostas serán un obradoiro de instrumentos musicais (sábado 1 de abril), observación de macroinvertebrados (sábado 22 de abril), iniciación ao kaiak (domingo 23 de abril) ou geocaching, a versión dixital da procura do tesouro (domingo 30 de abril).