Cuntis estrea a transformación integral do barrio do Espadenal
Por Redacción
As obras de reordenación das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González xa están rematadas. Así, Cuntis puido inaugurar unha actuación que supuxo unha transformación integral do barrio do Espadenal, un espazo moi concorrido ao estar nel o centro de saúde e o auditorio municipal.
O deputado provincial Gregorio Agís visitou este martes xunto a alcalde, Manuel Campos, este ámbito urbano no que se investiron preto de 580.000 euros, dos que 497.000 euros foron financiados co plan ReacPon da Deputación de Pontevedra.
Os traballos realizados mudaron a fisionomía deste céntrico barrio, "que pasou de ter unhas rúas envellecidas a unhas modernas", segundo as autoridades, cunha plataforma única que garante a seguridade peonil nunha zona onde se concentra moita xente.
"É un antes e un despois no que as persoas pasan a ser protagonistas", subliñaron Agís e Campos, ao incrementarse nun 50% os espazos amables e de calidade para a veciñanza.
A actuación incluíu a renovación da pavimentación, do parque infantil, con nova iluminación e pavimento de seguridade, e dos aparatos biosaudables no espazos que rodea a pista de xogos.
Ademais, ampliáronse os espazos de circulación e estancia peonil, cunha mellora da accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas da vila.
Nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González tamén se melloraron os servizos urbanos coa renovación das redes de augas fecais, pluviais e de auga potable.
Instaláronse tamén novos elementos de sinalización, como marcas viarias reflexivas brancas e sinais luminosos para os pasos peonís, unha nova rede de alumeado máis eficiente e novos elementos de mobiliario urbano como papeleiras, bancos e mesmo un banco con carga de teléfonos móbiles alimentado con enerxía solar.