Vilaboa adianta a Festa do Mar a abril e a Festa do Viño a maio
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, presentaron no Concello o programa da Festa do Mar de Vilaboa e da Festa do Viño de Vilaboa, que este ano adiantan as súas datas a abril e maio respectivamente para adaptarse á mellor calidade do produto.
En ambos casos, a promoción gastronómica irá ligada cun "potente programa musical" e actividades infantís "xa que se trata de eventos para desfrutar en familia e un xeito de coñecer e gozar o patrimonio cultural de Vilaboa", dixo o alcalde.
De xeito consensuado coas mariscadoras e bateeiros, a Festa do Mar de Vilaboa celebrarase este ano os días 22 e 23 de abril, datas nas que "a ameixa e o mexillón están no mellor momento para o consumo", explicou Carmen Gallego, que agradeceu tamén aos restaurantes A Casa de Rosa de Mazaroca, Casa Aurelia, A Garboa e Panadería Pastelería Os Laranxos a súa colaboración na elaboración das tapas que se servirán.
Estas manteñen os mesmos prezos do ano pasado (6 euros para a ameixa, 5 para o choco e 3,5 o mexillón).
De xeito complementario, o sábado 22 ás 21 horas está programada a actuación de Caamaño e Ameixeiras e de Xabier Díaz e o domingo ás 12.30 horas o concerto da Banda da Escola de Música de Vilaboa. Todo no adro das festas de San Adrián.
E evitando as altas temperaturas do verán, Concello e adegueiros decantáronse este ano polo 6 e 7 de maio para a celebración da Festa do Viño de Vilaboa, que se organizará baixo o viaduto de Riomaior coa participación de adegas da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo e tamén de colleiterios locais.
Tamén este evento se pensa como unha festa familiar cunha programación complementaria na que o prato forte será o concerto de Milladoiro o sábado 6 ás 22.00 horas e a actuación do grupo de gaitas “Aires de Cobres” o domingo ás 12.30 horas.
César Poza confirmou que o Concello formalizou ante a oficina española de Patentes e Marcas o rexistro da marca Festa do Mar de Vilaboa e da Festa do Viño de Vilaboa para estes dous eventos.
Relacionadas:
-
A Festa do Mar de Vilaboa chegou para quedar: supera todas as expectativas na segunda edición e esgota existencias
Por Redacción |
-
Innovación e sabor van da man nas degustacións da Festa do Mar de Vilaboa
Por Redacción |
-
San Adrián prepárase para celebrar a Festa do Mar con tapas a prezos populares
Por Redacción |
-
Tres restaurantes locais prepararán mexillón, ameixa e choco á prezos populares na 'Festa do Mar de Vilaboa'
Por Redacción |
-
Panadería Acuña aventúrase nunha nova plantación experimental para recuperar a tradición do trigo Caaveiro
Por Noticia patrocinada |
-
Vilaboa recupera este venres a Feira de San Martiño
Por Redacción |
-
A Festa do Viño de Vilaboa apostou polo produto local
Por Redacción |