Tragsa redactará os proxectos de reparcelamento e urbanización do parque empresarial da Ran
Por Redacción
O comité executivo de Zona Franca deu luz verde á firma do convenio co Concello de Cuntis e a Sociedade Mercantil Estatal Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para a execución do parque empresarial da Ran.
O consorcio encargará á sociedade pública Tragsa a redacción dos proxectos de reparcelamento e urbanización.
O delegado do Estado, David Regades, subliñou que "esta actuación vai supoñer un gran impulso económico de Cuntis e de toda a súa área de influencia, ademais de paliar a falta de solo industrial na provincia".
O alcalde, Manuel Campos Velay, sinalou que "isto é un antes e un despois para Cuntis. Hoxe escríbese o futuro de Cuntis, porque coa firma deste convenio póñense en marcha uns traballos moi importantes para o polígono industrial da Ran. É un investimento único neste concello".
A superficie do ámbito correspondente co polígono 1 do plan de sectorización do parque empresarial da Ran é de 325.635 metros cadrados, dos que 200.397 metros cadrados serán superficie de industria, 78.265 metros cadrados de reservas de solo para equipamentos e 629 prazas de aparcamento.
O procedemento comezará pola redacción e tramitación ata a súa aprobación definitiva do proxecto de urbanización. En paralelo redactarase o proxecto de expropiación dos bens e dereitos afectados polo desenvolvemento e a redacción e tramitación do proxecto de reparcelamento entre os propietarios do ámbito, para finalmente chegar ás obras de urbanización.
Os custos máximos, que serán asumidos a partir iguais entre SEA e Zona Franca, inclúen a redacción dos proxectos de expropiación, urbanización e reparcelamento por un máximo de 120.000 euros, a expropiación dos bens e dereitos afectados por un máximo de 1.031.945 euros e as obras de urbanización por un máximo de 3.500.000 euros.
Relacionadas:
-
Varias empresas amosan o seu interese en asentarse no polígono da Ran
Por Redacción |
-
Cuntis aproba o convenio que desenvolverá o polígono da Ran cun proxecto de 6 millóns
Por Redacción |
-
Cuntis humanizará a prolongación de Bernardo Sagasta para mellorar o acceso ao polígono da Ran
Por Redacción |
-
O goberno local de Cuntis acusa ao PP de intentar "boicotear" o Polígono de A Ran
Por Redacción |