Actívase o plan de emerxencias no Centro Comercial A Barca polo incendio dun vehículo nun taller
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ao redor das 17.25 horas deste xoves 30 rexistrábase un incendio no interior do recinto do Centro Comercial A Barca, situado no municipio de Poio.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a orixe do lume produciuse nun vehículo que se atopaba nun dos talleres situados no soto das instalacións.
Como consecuencia da alerta activouse o plan de emerxencia e foi necesario pechar o recinto no que se atopa o supermercado Eroski e desaloxar a todas as persoas que permanecían no interior coa colaboración do persoal do centro.
Ás 18.30 horas, a Policía Local de Poio indicaba que o incendio se atopaba controlado polos Bombeiros de Pontevedra, que foron os primeiros en chegar á zona para intervir. Ata o lugar desprazábanse tamén axentes da Policía Local de Poio, integrantes do GES de Sanxenxo e efectivos da Garda Civil, que investigan as causas que provocaron o incidente.
Segundo fontes policiais, o recinto permanecerá pechado ao redor de dúas horas á espera de que se ventile o interior, aínda afectado polo fume. Non se notificaron danos persoais.
Arredor das 19.30 horas ao comprobar que os niveis de fume eran os adecuados, a Policía Local decidiu que volverá a actividade no centro. Primero accedeu o persoal coa intención de que arredor das 20.00 horas se abrisen as portas ao público.