"Encargar humanos", a conferencia organizada pola UNED sobre a xestación subrogada
A antropóloga Mercedes Fernández-Martorel impartirá o próximo 26 de abril "Encargar humanos", unha charla organizada pola UNED sobre o tema da xestación subrogada. Desta maneira, a UNED explica que quere "engancharse á actualidade" ofrecendo unha charla sobre un "tema controvertido".
A conferencia comezará ás 18:00 horas, e nela tratarase un tema tan actual como polémico. Desde o departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que coordina Rafael Cotelo Pazos, explican que seguen á vangarda dos temas de actualidade e de debate na sociedade.
A UNED xustifica esta conferencia explicando que "A adopción realizada por Ana Obregón dun bebé a través da xestación subrogada provocou unha infinidade de comentarios e posicionamentos políticos que xustifican levar esta controversia á UNED para o coñecemento do público en xeral dos distintos aspectos que rodean esta práctica".
A encargada de impartir esta charla, Mercedes Fernández-Martorel, é profesora de Antropoloxía na Universidade de Barcelona. Fernández-Martorel imparte cursos sobre Antropoloxía Urbana e Antropoloxía e Feminismo, e deu conferencias en varios puntos de España, Francia, Italia e México.