Dúas exhibicións diarias sobre o lume na Prehistoria para encher o parque de arte rupestre de Campo Lameiro en Semana Santa
Por Redacción
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ofrecerá unha programación especial para a Semana Santa con obradoiros e visitas guiadas entre o martes 4 e o domingo 9 de abril.
A novidade deste ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións diarias na entrada do Centro de Interpretación, ás 13,30 e 19,30 horas, coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria.
Prográmanse actividades diarias dirixidas ás familias. Ás 11.30 horas haberá Cerámica coas túas mans e Pintura Rupestre.
Polas tardes, os obradoiros estarán dirixidos a rapaces de máis de 10 anos. A partir das 17.00 horas, haberá as actividades 'Caza na Prehistoria' ou 'Graffitis no pasado'.
O público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor especializado en arte rupestre.
As persoas máis novas que participen nas actividades recibirán un agasallo especial.
Para todas as accións programadas polo centro dependente da consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).