A Deputación lanza o programa "Primeira Experiencia Profesional" con 152 contratacións nos concellos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ven de anunciar unha nova edición do programa "Primeira Experiencia Profesional" que permitirá 152 contratacións por un período de doce meses nos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia.
Beneficiaranse das contratacións persoas tituladas universitarias ou de graos superiores e medios da FP que, como sinalou a presidenta provincial Carmela Silva, teñen nestes contratos "un instrumento desde que rematan os seus estudos e entran no mercado laboral".
Este foi un dos asuntos abordados este venres na Xunta de Goberno Provincial que mobilizou 5,5 millóns de euros, sendo a metade deste investimento para este plan de emprego mentres que case un millón destinarase á mellora de dúas estradas provinciais no Rosal e As Neves. Amais, chegarán case 900.000 euros do Plan Concellos a seis municipios da provincia: Valga, A Guarda, Gondomar, O Grove, A Cañiza e Ponteareas.
Carmela Silva tamén anunciou nesta comparecencia que o Goberno do Estado vén de conceder á Deputación unha axuda de 552.000 euros ao abeiro do Plan de Recuperación para financiar a senda peonil EP-9101 no Grove que permitirá unir os núcleos de Campos e A Gandariña.
"Están chegando os fondos Next Generation a Galicia, que ninguén minta e diga que non", comentou a mandataria provincial.
Por último, a Deputación tamén se aprobou un investimento de 355.385 euros en dous convenios cos concellos de Pontevedra para o desenvolvemento das feiras Pontesan e Pontenciencia, e con Vigo para o Open-World Pádel Tour 2023; un orzamento de 295.000 euros para que os concellos poidan financiar os gastos da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables no ámbito do turismo deportivo sostible; e adxudicouse por 184.470 euros a Halcón Viaxes a execución do programa Depotermal.
Relacionadas:
-
Turismo Rías Baixas estima unha ocupación para a Semana Santa do 68%
Por Oskar Viéitez |
-
Reivindican "ferramentas" para que as mulleres poidan acceder "á metade do ceo"
Por Redacción |
-
O Instituto Montecelo e o Carlos Oroza gañan os permios DepoEmprende na FP
Por Oskar Viéitez |
-
O III Encontro Nacional de Políticas Públicas aborda a situación das mulleres no poder
Por Redacción |