Campo Lameiro solicita colaboración á Xunta para que expertos determinen o valor das pinturas achadas na igrexa de San Miguel
Por Redacción
O alcalde de Concello de Campo Lameiro, Carlos Costa, solicitou a colaboración do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, para que expertos en patrimonio determinen o valor e o estado de conservación das pinturas atopadas polo cura párroco, Fermín Santiago Iglesias, na ábsida románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro.
Segundo lle confirmou o delegado territorial da Xunta, nos vindeiros días trasladaranse ata a igrexa de Campo Lameiro expertos en patrimonio para facer as primeiras observacións e determinar o valor e o estado de conservación no que se atopan.
A cabeceira románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro data do ano 1202 e o retablo é de principios do século XIX, obra de Manuel de Vallo, autor das esculturas de acibechería da Catedral de Santiago de Compostela polo que o cura párroco pide "que se actúe con coidado e con sentidiño porque estamos a falar de elementos patrimoniais moi sensibles e de moita importancia". Este achado é "moi estrano nas igrexas románicas da provincia de Pontevedra", polo que solicita a colaboración para comprobar a valía dos frescos.
Pola súa banda, Carlos Costa indicou que "este descubrimento prodúcese precisamente nun momento moi especial que está a vivir o concello ao ser seleccionado como un dos 10 finalistas en toda España a ser recoñecido como Capital del Turismo Rural. Tamén agradeceu a "rapidez" coa que a Xunta se puxo a disposición para enviar aos técnicos para que determinen a importancia e relevancia do descubrimento.
"Campo Lameiro posúe un enorme legado patrimonial que temos que conservar e mesmo divulgar porque ademais de conformar parte da nosa identidade son elementos fundamentais de promoción turística e dinamización económica. Desde o Concello estamos moi sensibilizados coa conservación do patrimonio arqueolóxico e tamén arquitectónico e relixioso polo que este descubrimento é unha gran noticia da que nos alegramos e nos preocupamos desde o primeiro momento para que reciba o coidado e o tratamento idóneo para a súa axeitada conservación", concluíu o alcalde.
Relacionadas:
-
Campo Lameiro presumirá de Capital do Turismo Rural en Fitur
Por Redacción |
-
Así bendixeron os turismos en San Cristovo de Couso: con capacho e xesta
Por Anxo Lourido |
-
Patrimonio estuda o valor das pinturas atopadas polo cura na igrexa de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
A Xunta quere contratar este ano o proxecto da rede de saneamento en Fontenla
Por Redacción |
-
Restauran os restos dun baldaquino do século XVI descuberto na igrexa de San Isidro de Montes
Por Redacción |