Revisan a condena de cárcere a tres sindicalistas pola folga de alimentación de 2009
Por Natalia Puga
Os tres sindicalistas de CIG e CC OO condenados pola súa participación nun piquete durante a folga do comercio de alimentación do ano 2009 volverán ao banco. Sentarán este xoves ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para a revisión da súa sentenza.
O Xulgado do Penal número 1 de Potevedra condenounos en xullo a tres anos e un día de cárcere por coaccionar os empregados dun supermercado Froiz da rúa Benito Corbal durante a xornada de folga do 27 de novembro do 2009.
Os tres condenados son Marcos Cadórniga, liberado sindical de CIG-Servizos; Carlos Alján, delegado desta central sindical en Froiz; e Carlos Búa, sindicalista de CC OO.
A Fiscalía e, logo, a sentenza, recrimináronlles que se encontrasen entre un piquete de entre 50 e 60 persoas que obrigou a dúas dependentas a pechar o supermercado cando elas tiñan intención de traballar.
Os tres sindicalistas recorreron a sentenza ante a Audiencia Provincial e, á súa vez, a Fiscalía presentou un escrito para solicitar que se impugnasen eses recursos de apelación interpostos. A Sección Segunda revisará este xoves 8 de novembro o caso e os escritos presentados.