Pancho de la Barrera volve ao camiño para visibilizar o cancro infantil
Por María José Pita
Tras catro anos concienciando sobre a importancia de apoiar a investigación do cancro infantil cos seus bonecos viaxeiros, o bombeiro vilagarcián Pancho de la Barrera embarcouse nun novo proxecto: Paralelo 0. 40.075 km luchando contra el cáncer. Unha campaña solidaria creada para visibilizar o cancro infantil e recadar fondos para a Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, formada por 21 asociacións distribuídas por toda España que apoian e dan diferentes servizos a familias con nenos afectados por esta enfermidade.
Pancho de la Barrera contribúe de forma activa nesta iniciativa solidaria sumando quilómetros na ruta que está levando a cabo polo Camiño de Santiago desde Francia ata Santiago de Compostela.
"O Camiño de Santiago Baztanés apoiando unha causa solidaria da que ningún estamos libres de que nos afecte", apuntaba De la Barrera nunha publicación en redes sociais. Continuaba explicando a singularidade desta ruta xacobea, que parte desde Bayonne (Francia) e atravesa os Pireneos polo porto de Otsondo para internarse no val do Baztán ata chegar a Trinidad de Arre e fundirse co camiño francés, finalizando en Santiago de Compostela.
Desde o 21 de marzo e ata o 22 de abril está a percorrer a pé 814 quilómetros, camiño co que recortará 814 km ao obxectivo de completar os 40.075 km que mide o Paralelo 0º, que dá nome ao proxecto e equivale a unha volta ao mundo.
De la Barrera fai un chamamento a todas aquelas persoas que queiran sumarse a este proxecto de diferentes maneiras. Unha delas é seguir as crónicas que cada día sobe para visibilizar o proxecto a través da páxina de Facebook "Paralelo 0. 40.075 km luchando contra el cáncer" ou da conta de Instagram "paralelo0.kmcontraelcancer".
Tamén se pode apoiar esta iniciativa solidaria facendo un donativo a favor da Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, na seguinte ligazón: Paralelo 0. 40.075 km luchando contra el cáncer.
PARTICIPAR SUMANDO QUILÓMETROS
Outra forma de colaborar con esta iniciativa é contando os quilómetros que se fagan practicando algún deporte ou actividade física que non utilice ningún tipo de motor, como camiñar, piragüismo, correr, navegar a vela, nadar ou rutas en bicicleta, entre outras.
Toda persoa que queira participar nesta modalidade pode poñerse en contacto a través do messenger da páxina de Facebook ou do Whatsapp +34 671442979 para enviar algunha foto do traxecto, ruta ou viaxe que realice, vídeo e rexistro dos seus tracks do roteiro, utilizando calquera aplicación.
Estas participacións publicaranse nas páxinas de Facebook e Instagram para que se poidan difundir e tamén para coñecer e gozar destas rutas. As persoas participantes deberán indicar os quilómetros que realizaron para que se poidan ir restando aos 40.075 km do Paralelo 0º ata chegar a Cero.
Á súa vez, para dar visibilidade ao cancro infantil, os participantes, nas súas fotos ou vídeos, deberán levar algo de cor dourada, a cor que representa ao cancro infantil, e na súa falta, amarelo. Tamén deberán difundir esta iniciativa solidaria entre as súas amizades, familiares, redes sociais…, animándoos a que realicen algún donativo para esta causa. As persoas que participan compartindo o seu esforzo e os seus quilómetros non teñen a obrigación de doar.