O novo Parque de Maquinaria avanza no polígono de Barro mentres o vello desaparece
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera visitaron este venres os terreos do Polígono de Barro onde se está a levar a cabo as obras do novo Parque de Maquinaria, cunha superficie de preto de 8.800 metros cadrados e un investimento global –incluída a recuperación da Xunqueira de Alba– de preto de 4,4 millóns de euros.
"As obras van en prazo e estamos felices de ser a administración galega que máis aposta polo medio ambiente", asegurou Carmela Silva, que puxo en valor que a Deputación "está cumprindo co calendario para que a Xunqueira estea rehabilitada segundo o previsto".
O novo Parque de Maquinaria ocupará dúas parcelas e contará cun edificio "moderno e avanzado" baseado nos principios da sostibilidade, con espazos "moito máis dignos" que pasan por unha nave principal, naves de almacenaxe e un edificio administrativo con oficinas.
Está previsto que as obras rematen a finais de maio. Nestes momentos estanse a rematar as obras do edificio administrativo e a nave taller; o administrativo albergará as futuras oficinas e os vestiarios e só quedan pendentes os traballos de acabados, e na nave taller estase rematando a cuberta e a distribución interior. Os traballos do almacén están rematados e están executándose os traballos de traslado das marquesiñas.
Respecto a estas últimas, a presidenta provincial salientou que unha parte importante da súa estrutura estaba situada no parque da Xunqueira, "polo tanto seguimos un modelo de economía circular no que aproveitamos e reutilizamos todos os materiais posibles". Tamén se está a reciclar o enreixado metálico de peche da parcela, procedente tamén da Xunqueira.
No caso da recuperación ambiental da Xunqueira de Alba, a presidenta puxo en valor que "xa se demoleu por completo o Parque de Maquinaria e estamos a piques de iniciar a demolición da Imprenta provincial".
Neste eido a presidenta fixo "un chamamento" aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia "para que tomen exemplo do que estamos a facer na Deputación: a recuperación de espazos ambientais, dentro do posible".
Lembrou que "parece mentira que quen ten competencias en materia ambiental non estea xa a traballar para a recuperación de toda a Xunqueira", e vaticinou que "máis pronto que tarde terán que tomar estas mesmas decisións porque na Deputación imos estalo demandando, porque cada vez máis a cidadanía nos reclama ás administracións sermos responsables e que deamos exemplo".
Respecto ás recentes declaracións da Conselleira de Infraestruturas para que a Deputación financie o traslado das instalacións que a Xunta ten na Xunqueira de Alba, como requirimento para liberar os terreos que ocupa no espazo natural, tanto a presidenta como o vicepresidente afearon a postura da administración autonómica.
"A Xunta non cre no medio ambiente, nin na transición ecolóxica"
"Mentres que a Deputación ten un enorme compromiso por recuperar a Xunqueira, a Xunta en primeiro lugar dixo que non tiña terreos para trasladar as súas construcións", sinalou Carmela Silva, "polo que xenerosamente se lle ofreceu a posibilidade de contar gratuitamente con terreos no Polígono de Barro, pero non obtivemos resposta". Agora, a administración autonómica di que "hai que asinar un convenio onde a Deputación se encargue do derrubamento das súas dotacións da Xunqueira e da construción dos novos equipamentos en Barro", o que Carmela Silva cualificou como "unha broma de humor negro" e "escusas de mala pagadora" para ocultar que "a Xunta non cre no medio ambiente, nin na transición ecolóxica, e non ten interese en que a veciñanza de Pontevedra recupere este espazo protexido".
En definitiva, "unha falta de sensatez, rigor e compromiso que non ten unha explicación racional. Non lles quedará outra que facelo porque se a Deputación pode investir 4,4 millóns, a Xunta –que xestiona 12.000 millóns de euros– tamén", dixo a presidenta.
Pola súa banda o vicepresidente César Mosquera tamén reaccionou duramente ante a petición da Consellería de Infraestruturas. Segundo indicou, xa cando o alcalde de Pontevedra falara co presidente da Xunta quedaran moitas dúbidas de que o goberno galego "tivera ningunha intención de liberar o dominio público marítimo terrestre". "Agora esas dúbidas están aclaradas: A Xunta, que ten as competencias en medio ambiente é o maior axente antiambiental que hai en Galiza. Non quere, non quere –insistiu– liberar o dominio público marítimo terrestre e rexenerar o que nunca debeu ser ocupado. E parece tremendo".
Mosquera agradeceu á presidenta a sensibilidade pola postura da Deputación no traslado do parque de maquinaria e a imprenta provincial, e puxo en valor que "é un exemplo de boas prácticas". Subliñou que as administracións, cando poden, deben dar exemplo "porque moito se nos vai en palabrería, ecoloxía ou sustentabilidade pero despois hai que aplicar aquilo dos evanxeos de ‘A Deus rogando e co mazo dando’".
En calquera caso, o vicepresidente quixo deixar unha porta aberta a un cambio de postura por parte da Xunta.
"Aínda teño esperanza de que cambien de opinión, pero témome que coa guerra coa que está o PP e a Xunta co dominio público marítimo terrestre, de prorrogar todas as concesións e manter todo o habido e por haber, paréceme que o asunto... A ver, a esperanza é o último que se perde", finalizou.
Relacionadas:
-
A Deputación completa a demolición dos seus inmobles para a rexeneración da Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
O viveiro de empresas de Barro acolle a edición máis feminina do programa SmartPeme
Por Redacción |
-
A regularización do heliporto do Campiño abre a porta a liberar máis parcelas na Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra insta formalmente á Xunta e ao Estado a abandonar a Xunqueira de Alba
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta concede axudas para a mellora dos parques empresariais da Lama, Campo Lameiro, Sanxenxo, Meaño e Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
Arranca a demolición do parque de maquinaria e da imprenta provincial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A demolición da Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria xa ten licencia e serán "inminente"
Por Natalia Puga |